A xustiza dálles a razón aos traballadores da FNAC

Imaxe empregada polas traballadoras da FNAC nas súas mobilizacións © FNAC sigue en lucha

A Audiencia Nacional declara inxustificada a modificación substancial das condicións de traballo realizada por FNAC España e condena estes grandes almacéns a repor os traballadores e traballadoras ás condicións anteriores á devandita modificación. Deste xeito, en canto a sentenza sexa firme, serán eliminados os recortes impostos pola empresa, que se unían aos xa moi graves sufridos polos dous últimos convenios colectivos asinados en solitario polos sindicatos Fetico e Fasga (entidades con presenza nas grandes cadeas do sectot servizos e acusados de ser financiados polas propias empresas). Estes convenios supuxeran consecutivamente a conxelación e redución dun salario base e xa precario anteriormente, a eliminación do pago de domingos e festivos, a desregularización salvaxe da xornada laboral e a eliminación da cobertura do tres primeiros días de baixa, mantendo un réxime de unicamente cinco fins de semana libres ao ano, "un atentado contra a saúde e a conciliación da vida familiar e persoal", segundo os traballadores e traballadoras.

Serán eliminados os recortes impostos pola empresa, que se unían aos xa moi graves sufridos polos dous últimos convenios colectivos

O persoal da tenda da Coruña iniciaron unha folga, todos os sábados, na que denunciaban estar "fartos de ver como os beneficios da súa empresa crecen cada ano, mentres aumenta a precariedade laboral e minguan os salarios" e sinalaban que a empresa "expreme a reforma laboral ao límite mentres ingresa millóns".

Esta sentenza da Audiencia Nacional únese a dúas recentes resolucións da inspección de traballo a favor tamén dos traballadores. A primeira na Coruña, dándolles a razón aos folguistas na súa denuncia sobre as presións realizadas por Fnac, que levaron a que a folga "tivese que quedar paralizada, que non desconvocada", segundo o persoal da tenda coruñesa. A segunda en Barcelona, onde a inspección ditaminou que existe fraude de lei na contratación a tempo parcial en Fnac, exceso de flexibilidade horaria e na distribución das xornadas e que os superiores presionan en exceso os subordinados para aumentar as vendas, feitos todos eles tamén denunciados desde hai tempo polos traballadores da tenda da Coruña.

Os traballadores de Fnac A Coruña "celebran" as resolucións, aínda que lamentan "que estas vitorias non sirvan para devolverlle o seu traballo á compañeira despedida"

A estes respecto, os traballadores de Fnac A Coruña "celebran" as resolucións, aínda que lamentan "que estas vitorias non sirvan para devolverlle o seu traballo á compañeira despedida", así como a outra compañeira non renovada, feito que inclúen nas "represalias e acosos que sufriron varias persoas por mor da folga", e que aseguran denunciarán ante o xulgado en breve, "para evitar que se volvan a dar accións como estas, máis propias dunha ditadura, que da empresa moderna, supostamente comprometida e tolerante, que pretende ser Fnac", así como para que se compense aos traballadores e traballadoras afectadas.

O persoal pedía a readmisión dunha compañeira e a mellora das súas condicións laborais © FNAC sigue en lucha
Imaxe empregada polas traballadoras da FNAC nas súas mobilizacións © FNAC sigue en lucha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.