A xustiza europea declara ilegal o 'céntimo sanitario', pero Feijoo asegura que o imposto está "blindado"

A decisión adoptada pola Xunta implicaba a suba de 2,4 céntimos na gasolina e 3,6 no gasóleo CC-BY-NC-SA sofv

O avogado xeral do Tribunal de Xustiza da UE, Nils Whal, determinou este xoves que o chamado céntimo sanitario, a taxa aplicada por algunhas comunidades autónomas, entre elas Galicia, sobre os carburantes co obxectivo, en principio, de financiar a sanidade pública, é ilegal. España podería ter que devolver 13.000 millóns de euros, aínda que o Executivo xa solicitou que, en todo caso, a sentenza non teña efectos retroactivos. O ditame non é vinculante, pero o tribunal adoita seguilo na meirande parte dos casos.

Núñez Feijoo salienta que “o Goberno español modificou hai tempo a lexislación que sostén o imposto do céntimo sanitario para blindalo ante calquera problema que teña nas instancias europeas”

Porén, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijoo salientou que “o Goberno español modificou hai tempo a lexislación que sostén o imposto do céntimo sanitario para blindalo ante calquera problema que teña nas instancias europeas”. O presidente do Goberno galego sinala que o ditame fai referencia a unha reclamación (dunha empresa de transportes catalá) “que é anterior á modificación lexislativa” e “polo tanto non afecta á decisión da Xunta”, adoptada no proxecto de lei de orzamentos para 2014

O avogado xeral destaca que cando se creou o céntimo sanitario o Tribunal xa ditara unha sentenza semellante e que, polo tanto, "España semella ter asumido deliberadamente o risco"

Whal subliña que o imposto é contrario á directiva sobre os impostos especiais. En primeiro lugar, é redundante co imposto especial sobre hidrocarburos e, ademais, non se demostra que a taxa estea concibida para desincentivar o consumo de hidrocarburos. O avogado xeral destaca que cando se creou o céntimo sanitario o Tribunal xa ditara unha sentenza semellante e que, polo tanto, "España semella ter asumido deliberadamente o risco de seguir adiante coa lexislación controvertida e, en consecuencia, esa lexislación aplicouse durante moitos anos en prexuízo do consumidor final e do mercado interior".

Hai dúas semanas a Xunta decidiu o incremento do imposto sobre hidrocarburos, o que suporía un aumento de 3,6 céntimos no gasóleo e de 2,4 céntimos na gasolina, até chegar en ambos os dous casos aos 4,8 céntimos por litro.

Hai dúas semanas a Xunta decidiu o incremento do imposto sobre hidrocarburos, o que suporía un aumento de 3,6 céntimos no gasóleo e de 2,4 céntimos na gasolina

Alternativa Galega de Esquerda xa pediu "a retirada inmediata" do imposto. Para AGE, o principal problema do céntimo sanitario é o seu carácter de imposto indirecto, que grava por igual a todos os cidadáns con independencia do seu nivel de renda. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, denuncia que o PP “quita os cartos das clases traballadoras para llos entregar ás clases altas. Para iso tamén emprega unha política fiscal absolutamente reaccionaria, que grava os pobres e deixa ir os ricos”. Así mesmo, lembrou que nos seus cinco anos de goberno, Núñez Feijoo reduciu en 370 millóns de euros os fondos da sanidade pública galega.

A decisión adoptada pola Xunta implicaba a suba de 2,4 céntimos na gasolina e 3,6 no gasóleo CC-BY-NC-SA sofv

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.