O xulgado de primeira instancia número 4 da Coruña vén de darlle un novo varapau a Novagalicia Banco a conta das preferentes. A entidade bancaria herdeira das antigas caixas de aforro galegas vén de ser condenada a devolverlle 549.000 euros a un matrimonio de xubilados coruñeses. Nomeadamente, o tribunal resolve a nulidade do contrato a través do cal ao home, de 87 anos de idade, lle foron colocadas 630 preferentes, a razón de 1.000 euros cada unha. A razón non é outra que a falta de información para o cliente.
A elevada cifra que Novagalicia ten que devolver converte esta condena na máis avultada contra un banco derivada das preferentes. Na sentenza, o xulgado amosa ás claras que a entidade, naquela altura Caixa Galicia, non "avaliou o perfil investidor" do cliente na "fase precontractual". Tampouco valorou "a conveniencia de tal produto" para o afectado nin se lle entregou "folleto ou trípico informativo" coas características concretas das preferentes". Polo tanto, resolve, o demandante non tiña datos dabondo "para coñecer os riscos do investimento".
O xulgado conclúe que o cliente non tiña información dabondo e anula o contrato
O mesmo ditame xudicial explica que o documento no que se baseou esta operación non tiña cláusulas coas condicións e nel só estaba reflectido, "con letra pequena e sen a debida relevancia tipográfica", as "características esenciais do produto", isto é, que meter os cartos en preferentes implicaba non poder recuperalos. Neste escenario, o xulgado considera "inadecuado e impropio" este tipo de produto financeiro para pequenos aforradores. Neste caso concreto, salienta, o "contratante" asinou "a partir dunha creanza inexacta" e por iso o contrato debe ser nulo.
Segundo os datos da propia entidade, actualizados o pasado 28 de maio, son xa 97 as sentenzas xudiciais que condenan a entidade a devolverlles os cartos aos seus clientes. Non obstante, entre a xustiza e arbitraxe Novagalicia admite que, cando menos polo momento, devolveu menos de catro de cada dez euros dos atrapados neste tipo de produtos financeiros de alto risco.