Abanca exixe ao persoal pedirlle permiso para participar en política ou sindicatos

Oficina de Abanca nunha cidade galega CC-BY-SA CIG

Abanca exixe ao seu cadro persoal o seu permiso para participar en política, en sindicatos ou en organizacións sociais. O código de conduta que os propietarios da entidade resultante das antigas caixas galegas veñen de poñer en marcha require "un permiso previo" da dirección do banco para "a participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais ou sindicais alleas" ao mesmo banco.

O código de conduta posto en marcha por Abanca exixe o permiso do banco para participar en partidos, institucións públicas, ong ou sindicatos

Así se pode ler no artigo 120 deste código de conduta, no que textualmente se asegura que "a participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais ou sindicais alleas ao banco, aínda sendo lexítimas, poden ser incompatibles co exercicio activo no banco". Xa que logo, "deberá er comunicada previamente ao Comité de Ética do Banco".

Esta novidosa e polémica exixencia foi denunciada por algún traballador e confirmada polo secretario xeral de CIG-Banca, Clodomiro Montero, que cre que a normativa "vulnera dereitos fundamentais, recollidos incluso na Constitución, na Carta Europea de Dereitos Cidadáns ou nos convenios internacionais da Organización Internacional do Traballo (OIT)".

A participación nestas organizacións "sendo lexítima, pode ser incompatible co exercicio activo no banco", segundo Abanca

O código de conduta foi aprobado, segundo este responsable da CIG, de maneira unilateral e é de obrigado cumprimento baixo ameaza de sanción. E incluso vai máis aló, porque as normas que alí se expresan abranguen tamén nestes casos específicos familiares de primeiro grao dos traballadores, polo que o feito de que o marido ou muller dun asalariado estivese implicado activamente en organizacións políticas, sindicais ou sociais podería ser tamén motivo de reprimenda por parte de Abanca. "A miña muller xa me preguntou se era un problema que fose colaboradora de Unicef", di con ironía un membro do persoal.

En definitiva, ter un cargo público en calquera deste tipo de organizacións podería ser sancionable, algo que Clodomiro Montero cualifica como "inédito" e que levou a CIG-Banca a presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo ou a que o BNG teña intención de presentar unha pregunta parlamentaria ao respecto. As demandas que desde o sindicato nacionalista se fixo á dirección de Abanca para que non se aprobase este código de conduta non recibiu aínda resposta.

Pero hai máis. Nese mesmo código de conduta, o artigo 53 prohíbe certo tipo de condutas na esfera privada do cadro de persoal, sendo a dirección da entidade quen decide o que é sancionable ou non en cuestión de vocabulario, xeito de vestir e mesmo a utilización de certos símbolos.

O código tamén advirte sobre "condutas" que a dirección considere "incívicas" ou que "danen o bo nome da entidade"

O artigo é claro: "Se ben Abanca non pode nin debe entrometerse na vida privada dos seus profesionais, entenderase que esta pode colisionar co ideario da entidade na medida na que se practiquen condutas incívicas que danen o bo nome da mesma. Isto inclúe a utilización de vocabularios, compartamentos, símbolos ou indumentarias manifestamente inadecuadas ou contrarias aos principios e dereitos fundamentais comunmente aceptados. En tal caso, Abanca terá dereito a protexer a súa reputación e poderá exercitar as accións legais oportunas para corrixir tales actuacións".

"Este artigo entra directamente na vida privada das persoas e métese nun terreo perigoso", insiste Clodomiro Montero, que lembra que é un comité ético -onde se inclúe o conselleiro delegado da entidade, a directora de persoal e unha serie de directivos- os que deben analizar as condutas do persoal para decidir as medidas a tomar. CIG-Banca repara tamén no feito de que esta normativa chegue agora, "nun marco de conflito" no que se inclúe "o despedimento dun candidato do sindicato, o traslado doutra candidata ou sancións a delegados e aos seus parentes".

"Xa en códigos anteriores nos prohibiran levar insignias ou símbolos de determinado tipo", lembra Clodomiro Montero, que insiste en que este novo código de conduta "vulnera dereitos fundamentais" e debería ser considerado "ilegal" polas autoridades competentes. "Son actitudes propias dunha ditadura dun banco que vén de ser privatizado e que se atreve a poñer en papel e mediante unha normativa o que noutras empresas tamén se fai pero de maneira menos evidente", remata.

Presentación de Abanca en Santiago © Ana Varela
Oficina de Abanca no centro da Coruña CC-BY-SA Elisardojm

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.