Adiántate á suba do IVE... se podes

Moitos consumidores e consumidoras poden atoparse cunha sorpresa nas súas facturas de setembro © notimex

O 1 de setembro entra en vigor a suba do IVE decretada en xullo polo Goberno central; do 8% ao 10% no tipo reducido e do 18% ao 21% no tipo xeral, aínda que o feito de que a moitos produtos e servizos (entradas de cinema, exposicións, concertos, teatro, espectáculos deportivos e discotecas, os produtos sanitarios e de óptica, as perruquerías ou as consultas do dentista) se lle modifique o tipo aplicable fai que o ascenso para eles sexa superior, do 8% ao 21%. Os expertos xa advertiron con insistencia nos prexuízos que ésta medida pode ter para a economía española, a través dun freo ao consumo, nun momento no que se acentúa a caída do PIB (-1,3% nos últimos doces meses, segundo os datos publicados este martes polo INE).

En certos produtos e servizos xa estamos pagando ese incremento, aínda que non o saibamos, naqueles subministros ou arrendamentos con data de pago posterior ao 1 de setembro

Porén, en certos produtos e servizos xa estamos pagando ese incremento, aínda que non o saibamos, naqueles subministros ou arrendamentos con data de pago posterior ao 1 de setembro. A asociación de defensa dos consumidores FACUA denuncia que a Lei do IVE de 1992 indica que "as facturas de subministros de tracto sucesivo coma a agua, a luz, o gas, a televisión, a telefonía ou o acceso a Internet" así coma arrendamentos ou calquera operación continuada no tempo "cobraranse aplicando o novo IVE se a obriga de pagamento se xera con posterioridade ao 31 de agosto, aínda que os consumos se realizaran durante o mes ou meses anteriores". De feito, aínda que a factura estea datada uns días antes á vixencia da suba, pode incluir o novo IVE se nela se indica unha data de pagamento na que xa estea vixente o novo tipo o se iso se deduce do contrato.

Facua contradí asi ao ministro de Industria, José Manuel Soria, que hai unhas semanas ameazou con sancionar as empresas que o fixesen. Porén, é unha práctica amparada pola lei e FACUA critica o descoñecemento da lexislación que amosa o ministro con estas declaracións.

FACUA tamén denuncia que se están producindo moitos casos de establecementos que xa están aplicando, antes do 1 de setembro, a alza dos prezos

En cambio, para as compras de produtos, o IVE que debe pagar o consumidor no momento da súa entrega é o vixente nesa data, independentemente da que apareza na factura. No caso de que se trate dun servizo, coma unha reparación, tamén se abona o IVE vixente no momento de efectuarse este. Porén, neste senso FACUA tamén denuncia que se están producindo moitos casos de establecementos que xa están aplicando, antes do 1 de setembro, a alza dos prezos para despois asegurar que no se repercutirá no consumidor a suba do imposto. E isto si que é unha práctica fraudulenta.

 

Ascenso en luz e carburantes

O prezo do litro de gasolina pode superar os 1,7 euros (esta semana xa está por riba do 1,5) por mor do ascenso do IVE

A OCU ou a Confederación Española de Organizacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios (CEACCU) calculan que cada familia incrementará os seus gastos ao redor de 600 euros anuais pola suba do IVE. FACUA critica especialmente o incremento que se producirá na factura da luz e calcula que un consumidor medio pasará a gastar case 80 euros ao mes (79,66), 5 euros máis que en abril (74,48), pois xa en xullo subiu o prezo do kWh. FACUA denuncia que en só dez anos a luz subiu un 86%, 36,83 euros por recibo mensual, 441,96 euros ao ano. A liberalización eléctrica, iniciada a finais dos 90 e impulsada mediante una directiva europea en 2003, presentóuselles aos usuarios co argumento de que provocaría importantes baixadas tarifarias.

De igual xeito, FACUA calcula que o prezo do litro de gasolina pode superar os 1,7 euros (esta semana xa está por riba do 1,5) por mor do ascenso do IVE. Ante a ausencia de competencia no sector, a asociación reclámalle ao Goberno que volva fixar prezos máximos, como ocorría até finais dos 90.

 

Por riba da media da UE

O tipo xeral do IVE que se aplica en España está xa por riba da media da zona euro (20%) e iguala a media da UE (21%)

Con esta suba, o tipo xeral do IVE que se aplica en España está xa por riba da media da zona euro (20%) e iguala a media da UE (21%), aínda que hai que ter en conta o distinto poder adquisitivo dos cidadáns duns e doutros países. En calquera caso, o IVE español supera ao de Alemaña (19%), Francia (19,6%) e Reino Unido e Holanda (20%) entre os grandes países de la UE e sitúase ao mesmo nivel que o de Italia e Bélxica. Queda por debaixo, iso si, do que se paga en Hungría (27%), Suecia e Dinamarca (25%), Romanía (24%), Portugal, Irlanda ou Grecia (23%).

Moitos consumidores e consumidoras poden atoparse cunha sorpresa nas súas facturas de setembro © notimex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.