ADICAE pediralle á UE que lles dea unha solución favorable ás preferentes

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Esta semana coñeceuse que memorando que expón as condicións do rescate financeiro limita os cartos que os bancos lles poden devolver aos afectados. . A UE considera estas persoas investidores, non aforradores, polo que deberán asumir as perdas do seu investimento, como calquera accionista. Bruxelas só permite que as entidades lles ofrezan por este produto un dez por cento (como máximo) a maiores do seu valor real, que hoxendía é é do 50 ou 60 por cento do orixinal na meirande parte dos casos, e que noutros achégase a cero. Estas esixencias esquecen o feito de que boa parte destas persoas foron engañadas para que depositasen deste xeito os seus aforros, sen ser informados dos riscos que corrían

Só en Novagalicia Banco hai 43 mil afectados, que ascenden a 700 mil en toda España (sobre todo en Bankia). E só en NGB o saldo ascende a 900 millóns (600 procedentes de Caixa Galicia e 300 de Caixa Nova). 

ADICAE esgotará todas as vías posibles para dar solución ao problema das participacións preferentes e dirixirase ás institucións europeas

ADICAE (Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas) esgotará todas as vías posibles para dar solución ao problema das participacións preferentes e dirixirase ás institucións europeas. Segundo Manuel Pardos, presidente da asociación, “a operativa dos bancos na comercialización das preferentes contradi claramente a normativa europea MiFid e a Lei do Mercado de Valores española. É algo inaudito, polo que nos imos dirixir á Unión Europea. Cremos que o Eurogrupo ten moito que dicir neste aspecto”.

Pardos, nunha entrevista concedida a BBC radio, denunciou que a banca española cando comezou a crise e foi consciente dos seus problemas de capital, “recorreu impunemente á comercialización masiva de produtos deste tipo, e tamén de outros como a deuda subordinada, co único obxectivo de recapitalizarse impunemente”. Na entrevista, Pardos sinalou que “a diferencia de no resto de Europa, onde tamén se comercializan, en España estes produtos vendéronse a familias de aforradores de a pé, aos que se lles impuxeron posteriormente uns canxes forzosos por accións só para reforzar o ‘core capital’ da banca”.

 

As preferentes galegas, no Wall Street Journal

O Wall Street Journal salienta nunha información o escándalo das preferentes en España, centrándose na situación en Galicia

Esta mañá o Wall Street Journal salienta nunha información o escándalo das preferentes en España, centrándose na situación en Galicia. O xornalista Christopher Bjork entrevista o Fiscal Superios de Galicia, Carlos Varela, e dous afectados da comarca do Morrazo. A reportaxe salienta o caso de Roberto Coloret, por exemplo, un xubilado de 74 anos de quen di que aforrou 25 mil euros durante toda a súa vida e que en outubro recibiu varias chamadas do xefe da oficina local de NGB para ofrecerlle trocar os seus aforros por un novo produto financeiro e que só "meses máis tarde decatouse de que eran participacións preferentes". Tamén entrevista a José Ramón Santomé, un mariñeiro de 73 anos, que ao saber da medida imposta por Bruxelas declarou "é terrible; non se decatan de que somos traballadores, non investidores?"

En Inglaterra, ao contrario do que está sucedendo en España, a Financial Services Authority, unha institución equiparable ao Banco de España, obrigou hai unhas semanas a Barclays, HSBC, Lloyds e RBS a indemnizar os clientes de produtos complexos, coma as preferentes, e estas entidades terán que aboar 7.500 millóns de euros.

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.