AGE acusa a Feijóo de converter Galicia “nunha oportunidade de negocio onde sobran os galegos"

Imaxe do Cabo Touriñán Dominio Público Praza Pública

AGE denuncia que o futuro plan acuícola "é unha peza más na política de destrución programada do país". O deputado de Alternativa, Juan Fajardo, e o ecoloxista e membro Espazo Ecosocialista, Xan Duro, presentaron as súas contrapropostas ao proxecto gobernamental a través dunha petición de retirada do plan dirixida á Consellaría de Medio Rural e do Mar. Un e outro explicaron que “este plan parécenos absolutamente destrutivo coa xestión do territorio e tamén no modelo de acuicultura que propón” e acusaron o Goberno galego de converter o país “nunha grande oportunidade de negocio onde sobran os galegos".

AGE explica que "como país, non podemos deixar nas mans das empresas privadas e moito menos das transnacionais a definición do modelo a impulsar no noso territorio"

Para Juan Fajardo este plan "converxe coas actuacións do Executivo de Feijóo –o plan de actividades extractivas, a modificación da lei de costas-" no obxectivo de “converter Galicia no que foron os países de América Latina nos anos oitenta e noventa, unha grande oportunidade de negocio a través dunha política de barra libre para as multinacionais” e conclúe que “a idea da Xunta é a desregulación total do noso litoral”. AGE explica que "como país, non podemos deixar nas mans das empresas privadas e moito menos das transnacionais a definición do modelo a impulsar no noso territorio. O modelo de produción piscícola industrial vixente tense demostrado, de alto impacto enerxético e ambiental, e baixa rendibilidade social".

Xan Duro explicou que AGE propón "un novo modelo de acuicultura". “Defendemos unha acuicultura herbívora e para que é preciso un forte investimento en I+D+i”

Xan Duro explicou que AGE propón "un novo modelo de acuicultura". “Defendemos unha acuicultura herbívora e para que é preciso un forte investimento en I+D+i”, afirmou, “e na que primen os proxectos flexíbeis a pequena escala, xestionados por cooperativas locais e no o impacto socioambiental sexa minimizado”. 

Segundo o documento presentado por Alternativa, "a práctica exclusividade de cría de especies carnívoras, sustentadas alimentariamente con derivados das fariñas de peixe, non só non salvagarda as poboacións piscícolas de mar, senón que aumenta a súa depredación (máis dun terzo das capturas actuais adícanse a fariña de peixe), coa recollida de especies de baixo valor comercial e inmaturos, fundamentalmente nas costas dos países empobrecidos".

Solicita "que se promovan e prioricen proxectos flexíbeis a pequena escala, xestionados por cooperativas locais"

AGE demanda que se "articule un mecanismo de participación e consulta cos colectivos en defensa da terra, axentes sociais, organizacións en defensa do medio-ambiente, e calquera outro que poida estar afectado ou interesado polo plan". Tamén pide "que no desenvolvemento de plantas de acuicultura en terra prime máis a sustentabilidade-ambiental, a transparencia e os intereses das poboacións locais, que o interese das grandes multinacionais". E solicita "que se promovan e prioricen proxectos flexíbeis a pequena escala, xestionados por cooperativas locais, con investimentos en investigación para minimizar os impactos socioambientais, con produción  de especies locais e destinadas, sobre todo, a ciclos curtos de distribución e proxectos que, en definitiva, se axusten ás necesidades locais".

Rolda de prensa de AGE: Ángel Montero, Manoel Santos, Xan Duro, Juan Fajardo, Antón Sánchez e Manuel Dios © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.