AGE acusa a Xunta de "ceder competencias" en acuicultura "para afastar a toma de decisións conflitivas”

Planta acuícola © www.ipacuicultura.com

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusa o Goberno galego de querer "entregar as súas competencias en acuicultura á Unión Europea pola porta de atrás". “A Xunta quere ceder competencias só para afastar a toma de decisións conflitivas” -afirma Juan Fajardo- “e continuar co seu proxecto de exterminio da acuicultura tradicional de Galicia para entregar o sector ás multinacionais”. Iso é o que se deduce, segundo o deputado, das achegas do Goberno galego como poñente no Comité das Rexións ao documento O futuro da acuicultura europea.

Segundo destaca Fajardo, o Goberno galego "propón que sexa a Unión Europea quen decida onde e como se poden localizar as actividades acuícolas"

Nos papeis aos que Fajardo tivo acceso e que se manexan no Comité das Rexións da Unión Europea, o Goberno galego "propón que sexa a Unión Europea quen decida onde e como se poden localizar as actividades acuícolas", advirte. A maiores, sinala, estas sairán a concurso público mediante poxa, “o que significa un ataque directo á pequena acuicultura tradicional”.

AGE destaca igualmente que "esta manobra escura e silandeira" coincide no tempo coa tramitación no Parlamento da propia lei galega de acuicultura. "Queren manternos entretidos con esa lei mentres en realidade, con premeditación e aleivosía, a Xunta liquida as súas competencias. É dicir, a Xunta é poñente no Comité das Rexións e este Parlamento non sabe nada”, afirma Fajardo, que cualifica o Executivo de Feijóo de “apátrida”, acusándoo de “privatizar o mar, todas e cada unha das láminas de auga deste país”.

AGE propón que a Xunta se dirixa "cara ao modelo estándar mundial de acuicultura, sostíbel, e cara á eliminación da acuicultura carnívora”

Para Alternativa Galega de Esquerda o "obxectivo final" do Partido Popular é "a eliminación do sector do mar tal e como se coñecía en Galicia". “Expulsan as mariscadores a forza de lles rebaixar os salarios e aos mariñeiros a través da limitación das cotas”, engade, “e con estes acordos pola parte de atrás, queren entregar a acuicultura ás multinacionais”.  Como alternativa, AGE propón que a Xunta se dirixa "cara ao modelo estándar mundial de acuicultura, sostíbel, e cara á eliminación da acuicultura carnívora”. Un primeiro paso sería, subliña a formación, a creación dun “catastro acuícola” que “determine que zonas fican vedadas á acuicultura e cales son as especies axeitadas a cada lugar”.

Planta acuícola © www.ipacuicultura.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.