AGE pide un plan de inspección das grandes fortunas galegas

Antón Sánchez, Xosé Manuel Beiras e Juan Fajardo © AGE

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén presentar unha Proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta ao cumprimento do Plan Xeral de control tributario e a inclusión dun plan específico e preferente de inspección dos grandes patrimonios e grupos económicos. O obxectivo é "a comprobación, investigación e inspección tributaria da realización de operacións mercantís e transmisións patrimoniais que puideran ter a finalidade fraudulenta de minorar o pago de impostos, en especial o de Patrimonio e de Transmisións patrimoniais". AGE lembra que é competencia da Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia a análise e proposta de plans de inspección e de control tributario, así como a proposta de medidas e métodos de actuación para a detección e loita contra a fraude fiscal.

AGE considera que casos coma o de Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega), da que se demostrou que incorrera en prácticas fiscais ilegais e irregulares "non foron unha excepción". Hai un mes a Audiencia Nacional confirmou a regularización fiscal de Gartler SL pola que a Administración Tributaria de Galicia procedeu a incrementar a súa base imponible do imposto de sociedades. 

AGE considera que casos coma o de Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega), da que se demostrou que incorrera en prácticas fiscais ilegais e irregulares "non foron unha excepción"

O deputado Antón Sánchez informou de que tal e como se detalla minuciosamente en varias sentenzas, a exención fiscal aplicada e que tanto a Administración tributaria como o TSXG consideraron ilegal, consistiu na realización de sucesivas operacións mercantís (ventas e ampliacións de capital) dentro do entramado empresarial da familia Ortega constituído por varias sociedades e SICAVs. Ademais, segundo a sentenza, a sociedade Gartler incluíu indebidamente como gasto deducible a retribución de Amancio Ortega -máis dun millón de euros ano ano-, malia a que nos estatutos se especificaba expresamente que este cargo non levaba aparellada retribución ningunha.

Xosé Manuel Beiras destacou en rolda de prensa o nulo esforzo por parte dos gobernos do PP por combater a fraude fiscal "mentres que reclama paciencia aos cidadáns e os ataca con continuos recortes·. “Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos”, engadiu.

“Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos”, engadiu Beiras

O deputado Antón Sánchez criticou o sistema fiscal actual no que a imposición se asenta na indirecta (basicamente o IVA) e onde na directa son as rendas do traballo as maiores contribuíntes proporcionais mentres as SICAVs, as sociedades patrimoniais e o propio conxunto da normativa impositiva, "posibilitan o artellamento de entramados e movementos de capital societario que en moitas casos ten como finalidade eludir de xeito fraudulento o pago de impostos mediante operacións entre partes vinculadas, e indebidas exencións e beneficios fiscais". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.