O Consello de Ministros aprobou este venres un real decreto cun programa estatal para o "control e a erradicación" da praga da couza guatemalteca, que afecta a pataca en varios concellos de Galicia e Asturias. Tal e como estaba previsto, o Goberno central activa un plan que terá unha vixencia inicial de cinco anos e nas que se establecen medidas contra esta Tecia solanivora, que afecta de maneira moi negativa ao tubérculo.
O decreto obriga a destruír os cultivos con praga e a non plantar nos concellos afectados
O real decreto do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente establece diversas actuacións para a erradicación da couza, como delimitar a zona afectada e a zona tampón ou de protección, así como a destrución do material contaminado coa súa correspondente indemnización. Ademais, nas áreas afectadas prohibirase a plantación de cultivos e restrinxiranse os movementos.
Nas zonas tampón, pola súa banda, levaranse a cabo tratamentos fitosanitarios e estableceranse condicións de circulación de vexetais. Ademais, entre as medidas preventivas atópanse as prospeccións e controis sistemáticos para achar a couza e que se aplicarán en lugares de venda da pataca nas que se determinen como zonas de risco, cuxa delimitación será definida no Comité Fitosanitario Nacional.
Haberá controis e prospeccións para achar a couza en zonas que se determinen de risco
A desta couza é unha praga detectada por vez primeira en Galicia en 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda), que en febreiro de 2016 chegaba xa a Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro e que na actualidade alcanza 31 concellos de Ferrolterra e da Mariña lucense. É orixinaria de Guatemala e chegou ás Illas Canarias en 1999, dende onde se estendeu ao continente europeo por unha partida de patacas que entrou en Galicia. En Asturias a praga afecta tamén varios concellos da comarca do Eo-Navia.
Hai tan só quince días. a Consellería de Medio Rural publicaba no DOG unha orde na que recomendaba non plantar patacas nos 31 concellos afectados pola praga de couza gutemalteca, anticipándose a este decreto estatal.
Ademais, a Xunta decretara a corentena nos concellos afectados, polo que deles non podían saír patacas que foran cultivadas alí, ademais obrigar a aqueles que plantasen patacas a inscribirse nun rexistro para ter controlados aos cultivos dunha praga que salta con facilidade dun tubérculo ao outro.
Proposta do Parlamento
Neste mesmo xoves, por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha serie de medidas para investigar e erradicar a praga da couza. No texto ínstase a Xunta á "creación dunha comisión técnica de seguimento" da praga na que estean representados o propio Goberno, a Fegamp, o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e a IXP Pataca de Galicia, en relación ás medidas de control da praga, das acción informativas que se leven a cabo, así como da evolución do decreto do Ministerio.
A Cámara insta a Xunta a crear unha "comisión técnica de seguimento" da praga
Ao tempo, ínstase tamén a que este comisión técnica informe á Cámara e ás organizacións agrarias da súa actividade, nomeadamente sobre as medidas de control que vaia adoptando e sobre os medios materiais e humanos dos que se dispoña para a loita contra a couza. Ademais, reclama a elaboración dun informe escrito que deberá remitirse aos grupos parlamentarios sobre "a avaliación das medidas de prevención adoptadas dende 2015 para evitar a extensión da praga".
Alén disto, a Cámara tamén insta ao Ministerio de Agricultura a que o decreto que agora ve a luz "recolla medidas eficaces e rápidas para evitar a extensión da praga".
Por outra banda, o BNG pediu este venres a dimisión da directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén Docampo, pola súa xestión na praga da pataca. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, entende houbo un "deficiente control" das importacións e da propia praga.