AGTAMAR alerta da "burbulla do emprendemento" en Galicia

Altas e baixas anuais de traballadores/as autónomos/as en Galicia Dominio Público Praza Pública

Para a entidade, os datos constatan "a precariedade profesional do traballo autónomo" e ratifican "que estamos a crear unha burbulla de emprendemento"

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (AGTAMAR), integrada en UPTA, vén de denunciar que os recentes datos de afiliación á Seguridade Social publicados polo Ministerio de Emprego constatan "a precariedade profesional do traballo autónomo" e ratifican "que estamos a crear unha burbulla de emprendemento". Esta burbulla, segundo a entidade, "está a causar graves problemas ás persoas que deciden iniciar unha actividade, das cales máis do 80% non supera os dous anos de vida" e afianza a situación de precariedade no sector.

No 2016 foron 34.204 os autónomos e autónomas que se deron de alta en Galicia, mentres que houbo 35.813 baixas. Xa no 2015 houbera máis baixas (37.713) que altas (36.655), en contraste co que viña sucedendo nos anos anteriores.

Segundo explica AGTAMAR, a maioría das altas, case o 80%, corresponden a actividades no sector servizos. Case un terzo das altas foron no comercio e o tanto por cento restante divídese entre a hostalaría, servizos profesionais e outro tipo de actividades profesionais complementarias e/ou derivadas dos devanditos sectores. De igual xeito, as baixas maioritariamente proceden dos mesmos sectores anteriormente mencionados, onde tamén se crearan as altas. "Polo tanto, podemos afirmar que o fenómeno que se produciu ao longo do ano 2016 está baseado nun cambio de titularidade nas relacións profesionais e non nun aumento neto de actividades económicas por conta propia", sinala a asociación.

 

AGTAMAR reclama "un traballo autónomo de calidade e non de cantidade"

AGTAMAR lembra que dos 950.747 galegos e galegas activas no mercado laboral, case o vinte por cento (19,77%) son traballadores e traballadoras autónomas e, en consecuencia, reclama "un traballo autónomo de calidade e non de cantidade". "As políticas que se adoptan desde o Goberno central e desde o Goberno autonómico para o fomento do autoemprego, concibido este como a creación de novas actividades económicas, non debería ser a única liña na que investir a maior parte dos recursos dos que dispón a Administración para o colectivo", sinalan. "Quedou xa constado que o éxito non radica en financiar unicamente a posta en marcha de novos negocios, senón en realizar investimentos para dar continuidade e consolidación aos xa existentes", engaden.

"Quedou xa constado que o éxito non radica en financiar unicamente a posta en marcha de novos negocios, senón en realizar investimentos para dar continuidade e consolidación aos xa existentes"

"Non podemos esquecer a situación que se producirá nos próximos anos, nos que máis do 30% das autónomas e autónomos galegos desaparecerán por motivos de xubilación, abríndose unha enorme oportunidade para establecer políticas de substitución xeracional que permitan que no último ano de vida do negocio, un emprendedor sen cualificar conte cun mentor profesional que lle garanta a substitución da actividade empresarial coas suficientes garantías de éxito", subliñan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.