Alcaldes de concellos gandeiros demandan un prezo "digno" para o leite

Imaxe da xuntanza celebrada este martes en Compostela © Concello de Lalín

18 alcaldes de concellos gandeiros de toda Galicia reuníronse este martes en Compostela, reclamando unidade de acción con sindicatos e organizacións agrarias na reivindicación dun prezo xusto e digno para o leite. Os rexedores decidiron utilizar a proposta en defensa do sector lácteo que onte aprobou a Xunta de Goberno de Lalín como base dunha resolución conxunta á que se poderán adherir todos os concellos galegos que así o desexen. A moción denuncia que "o sector lácteo de Galicia está a a atravesar unha situación desesperada", agravada nos últimos meses "por mor da presión intolerable da industria, que está a pagar o litro de leite moi por debaixo dos custes de produción".

Os alcaldes chaman a participar na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo este venres en Compostela

A moción amosa o seu apoio expreso á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, impulsada polos sindicatos agrarios SLG, UUAA e ASAJA-Galicia e na que tamén participan outras entidades, como Fruga ou a Organización de Productores Lácteos. Ademais, chama a participar na manifestación convocada pola Plataforma este venres en Compostela, e que comezará ás once da mañá. Dende Lalín, por exemplo, partirán dous autobuses sufragados polo Concello.

A marcha está apoiada por ao redor dun cento de alcaldes de todas as cores políticas, e esixirá medidas para que os produtores reciban prezos xustos polo leite, de xeito que se poida asegurar a continuidade do sector. Os sindicatos reiteran as súas denuncias de que as granxas galegas están recibindo polo seu leite un prezo moi inferior ao que se paga noutras comunidades e, en moitos casos, por debaixo dos custes de produción. De feito, ao redor de 3.000 explotacións galegas están recibindo prezos marcados unilateralmente pola industria, por debaixo dos 26 céntimos por litro. Unha situación, ademais, que se agrava cada día, entre acusacións á industria de querer deslocalizar a produción de leite, desprazándoa cara ás zonas de maior consumo.

Quintana afirma que se está a "banalizar" a "situación real dos nosos gandeiros", porque "hoxe os gandeiros teñen uha situación complicada, pero era peor nos anos 2010 ou no 2012”

Este luns a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, anunciou que o Goberno central lle solicitou á UE autorización para facer unha retirada de leite do mercado, para tentar que suban os prezos do leite en orixe. en calquera caso, esta medida depende do visto bo da Comisión. Quintana, que se reuniu con 46 alcaldes do PP, afirmou que se está a "banalizar" a "situación real dos nosos gandeiros", porque "hoxe os gandeiros teñen uha situación complicada, pero era peor nos anos 2010 ou no 2012”. “Se eu crera que con ir a unha manifestación se resolverían os problemas do sector lácteo eu era a primeira en poñerme á fronte, pero estou convencida de que con iso non arranxamos nada”, engadiu, ao tempo que sinalou que o 56% dos produtores galegos está recibindo prezos por riba dos 29,81 céntimos.

Ademais, como informa Campo Galego, este martes presentou a súa dimisión o coordenador da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), Pedro Ramos. Ramos asegura que a razón “é de tipo persoal, porque considero que neste momento non aporto solucións á complexa situación que vive o sector industrial en Galicia”.

Imaxe da xuntanza celebrada este martes en Compostela © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.