Alcaldes galegos do PP rebélanse contra a reforma enerxética de Rajoy

Parque eólico © Xunta

Os rebeldes continúan a aumentar dentro do PP. A polémica contrarreforma do aborto, a reforma local ou os continuos axustes e recortes provocados pola política económica de Madrid teñen levado a moitos alcaldes a amosar a súa disconformidade coas decisións do seu propio partido. Agora a protesta chega pola reforma enerxética aplicada polo ministro José Manuel Soria, que levou 70 alcaldes populares do Estado a asinar un  manifesto promovido pola Asociación Empresarial Eólica (AEE) contra a política enerxética do Executivo e, nomeadamente, contra os recortes e o trato que recibe a enerxía eólica.

Oito dos quince concellos galegos que asinaron o manifesto están gobernados polo PP

En total, son 192 os rexedores de diferentes partidos e localidades do Estado (a maioría con importantes instalacións eólicas nos seus municipios) os que asinaron este manifesto, 15 deles galegos, dos cales oito están gobernados por alcaldes do PP (Muras, Paradela, Xermade, Vilalba, O Irixo, Verea, As Neves e Vila de Cruces) e os sete restantes polo PSdeG (Camariñas, Dumbría, Catoira, Chantada e A Pastoriza) ou independentes (Monfero e Chantada). É precisamente Galicia, xunto a Castela e León, onde hai unha maior resposta desde a propia dereita á reforma do ministro Soria, ao tempo que Vilalba é o terceiro concello máis grande da lista de municipios que veñen de opoñerse á política que en canto á enerxía desenvolve Madrid.

Xa que logo, os alcaldes manifestan a súa "preocupación polo efecto que pode ter unha regulación que penaliza a eólica fronte a outras fontes enerxéticas", tal e como destaca a patronal, que lembra que a reforma enerxética "retira gran parte do apoio económico aos parques eólicos en funcionamento, o que podería ter como consecuencia que moitas instalacións tivesen problemas financeiros, se visen obrigadas a renegociar os seus contratos e tivesen dificultades para facer fronte ás súas débedas, co impacto que is suporía nas zonas de implantación eólica".

"Non se pode cambiar de súpeto a lexislación; hai que pensar as cousas antes de facelas", di Issam Alnagm, alcalde popular de Muras

Issam Alnagm, alcalde do PP en Muras e un dos asinantes do manifesto, cre que "non se pode facer unha cousa e logo cambiar de súpeto toda a lexislación e prexudicar tanto os concellos como as empresas". "Hai que pensar as cousas antes de facelas e levalas a cabo de maneira firme", explica o rexedor, que cre que o Goberno central "pretende arranxar un problema enerxético que vén de 10 ou 15 anos atrás e non sabe como facelo".

"As empresas investiron moitos cartos e teñen dereito a recuperalos, pero agora non se lles está a poñer máis que atrancos", insiste o rexedor, que malia a presión do manifesto, non cre que o Goberno de Rajoy cambie. "Non están polo labor porque fan as cousas ao seu aire; a última poxa eléctrica demostra como ocorren as cousas", insiste. Aínda así, Alnagm opta por "non facer moita presión máis" pero si "avogar polo entendemento". "Nin queremos que se prexudique as empresas, nin tampouco que se prexudique o consumidor", que lle lembra ao Executivo que "son as compañías as que xeran emprego" e que "hai moito sitio de onde sacar diñeiro antes de beneficiar este importante sector".

"O Goberno non está polo labor de rectificar; fai as cousas ao seu aire", censura o rexedor de Muras

No manifesto, que xa foi remitido ao Goberno central, os case 200 alcaldes recórdanlle ao ministro e ao xefe do Executivo as vantaxes económicas e a "prosperidade" que o emprego directo e indirecto creado polo sector eólico provocou nos seus municipios e aseguran que esta enerxía "é a máis barata e eficiente das renovables e a que más contribúe a crear emprego duradeiro e valor engadido". Por iso, din, miran "con preocupación a reforma enerxética en tramitación e o impacto que poida ter nos concellos". "Preocúpanos perder o pulo dun sector que revitalizou tantas zonas rurais que estaban deprimidas; grazas á eólica, sentímonos orgullosos de vivir en municipios onde se xera a principal enerxía autóctona de España, que contribúe á independencia enerxética do noso país e a que os españois de hoxe e mañá teñan unha vida mellor".

O manifesto lémbralle ao Goberno que a enerxía eólica "é a máis barata e eficiente das renovables e a que más contribué a crear emprego duradeiro e valor engadido"

Así, os rexedores reclaman ao Goberno que "respecto o valor que achega a enerxía eólica e que volva apostar por ela" porque "é importante salvar un dos poucos sectores industriais españois exportador de tecnoloxía e que tanto benestar achegou a milleiros de ciudadáns das vilas e aldeas de España".

Issam Alnagm, alcalde de Muras © Concello de Muras
Parque eólico © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.