Alcoa amplía un mes a negociación do ERE, á que se incorpora xa o persoal da Coruña

Mobilización de persoal de Alcoa na Coruña © Marea Atlántica

Alcoa prorroga un mes máis o período de negociación do ERE de extinción presentado para o peche das plantas da Coruña e de Avilés. Iso foi o que pactaron este martes o persoal e a empresa na constitución da comisión consultiva do expediente que afecta case 400 operarios en Galicia. Foi na sexta reunión convocada pola multinacional á que asistiron por primeira vez os representantes da factoría coruñesa. O prazo de negociacion que remataba esta semana conta desde xa 30 días, aínda que a firma mantén aberta a posibilidade de "prorrogalo adicionalmente" até o 15 de xaneiro de haber "avances dabondo nas negociacións". A noticia chegou no mesmo día no que se coñeceu que o xuíz de Rótterdam ditaminou contra a demanda do cadro de persoal de paralizar o ERE. 

O período de negociación do ERE empeza a contar desde xa 30 días e o persoal da Coruña incorpórase xa ás conversas 

O comité europeo de Alcoa levara a multinacional ante a xustiza dos Países Baixos ao entender que incumprira a normativa comunitaria ao tramitar o ERE por non ter aberto, entre outras cousas, unha negociación cos sindicatos antes de anunciar o peche das factorías. É un golpe a unha das maiores esperanzas do persoal da Coruña, que confiaba en poder así paralizar o expediente, e logo de que a Inspección de Traballo no Estado se limitase a rifar a empresa pola súa nula vontade negociadora pero sen consecuencias. 

Ante esta situación, o comité da Coruña decidiu finalmente incorporase á mesa negociadora logo de varias reunións ás que non asistiran por considerar "nulo" o expediente. Pero os traballadores acaban de gañar un mes máis --como mínimo-- de prazo para as conversas. ademais do compromiso de Alcoa de negociar sobre futuros investidores no caso de que teime en pechar as factorías galega e asturiana. 

O persoal gaña un mes máis para a negociación, que podería mesmo estenderse até o 15 de xaneiro

Son sete representantes da planta coruñesa e seis da de Avilés os que compoñen a comisión negociadora cunha empresa que di que "escoitará e analizará propostas de posibles partes interesadas nas fábricas que prsenten unha proposta sólida, viable e respectuosa co persoal". É unha esperanza para uns traballadores que terán a vindeira cita o próximo 4 de decembro, data da próxima xuntanza. 

Ao tempo, a ministra de Industria, Reyes Maroto, anunciou xa que viaxará aos Estados Unidos para reunirse coa dirección de Alcoa para tratar con ela a posible entrada de investidores nas dúas plantas ameazas cun peche que deixaría na rúa uns 700 traballadores e suporía un duro golpe á industria das dúas localidades afectadas. Pola súa banda, Feijóo amosou a súa "preocupación" polo futuro das empresas electrointensivas en Glaicia e peidu un "marco estable do prezo das enerxías". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.