Alcoa anula os despidos e manterá a planta da Coruña

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Alcoa retira o expediente de despedimento colectivo nas factorías da Coruña e Avilés. Así llelo comunicou aos comités de empresa das dúas plantas e logo de que a multinacional, segundo asegura, conseguise na segunda poxa eléctrica celebrada esta semana uns incentivos de interrompibilidade suficiente para continuar polo menos un tempo.

Alcoa retira o expediente de despido colectivo pero advirte que as plantas seguen a ser "vulnerables"

A empresa anuncia que retira os despidos anunciados en Asturias e Galicia, e que afectaban directamente uns 800 traballadores, pero advirte tamén que ambas as dúas plantas son "vulnerables". Nun comunicado, e á espera da validación oficial dos resultados desta poxa adicional, Alcoa asegura que as cifras "son suficientes para a continuidade operativa das plantas nas actuais condicións de mercado". Malia todo, tamén anuncia que se precisa un marco enerxético "a longo prazo", xa que a interrompibilidade conseguida "só servirá para un período de doce meses".

"As dúas plantas continúan con dificultades e son máis vulnerables á volatilidade das condicións de mercado", insistiu Alcoa, que mantén a ameaza malia que o despido colectivo anunciado, que afectaba 400 traballadores na Coruña e centos de empregos indirectos, foi paralizado polo momento.

A multinacional pide un marco enerxético "a longo prazo" e advirte que a continuidade das plantas só está asegurada "para doce meses"

Desde que Alcoa anunciara os despidos, as mobilizacións foron intensas tanto en Galicia como en Asturias. Na Coruña, dúas grandes manifestacións percorreron as rúas da cidade en apoio dos traballadores e todos os grupos políticos amosaron o seu rexeitamento ao peche dunha factoría clave na economía da comarca. A loita dos traballadores presionou tanto o Goberno central como a propia multinacional, que mantén polo momento os empregos.

Desde o comité da factoría coruñesa cualifícase de "respiro" a noticia, aínda que entenden que a nova supón "unha de cal e outra de area" pola ameaza para o futuro. O presidente do devandito comité, en declaracións a Radio Coruña, asegurou que non será ata a validación da poxa por parte de Red Eléctrica cando se retire o ERE. Ademais, pediu que "se lle dea unha volta a isto". "Non podemos chegar o ano que vén á mesma situación; haberá que traballar por un marco regulatorio entre partidos, empresas e expertos

A CIG lembra que "o problema non está resolto en tanto non se modifique o sistema de adxudicación da interrumpibilidade e todo o sistema tarifario". Pois, advirten, "ao adxudicarse a interrumpibilidade de xeito anual, a empresa atoparase co mesmo problema do custe da enerxía o vindeiro ano".

O comité de empresa ve na noticia "un respiro" e a CIG valora o anuncio pero advirte que "o problema non está resolto"

Pero o problema de Alcoa vai moito máis aló e insírese nun conflito no que se mesturan o asentado neoliberalismo, a incomprensible tarifa eléctrica e laboral que paga Galicia ou a deslocalización constante de multinacionais como esta, que afronta unha estratexia de retirada que parece evidente: lugares máis favorables para os seus intereses e man de obra máis barata. Todo desde unha xigante compañía que hai máis de quince anos comprou a estatal Inespal. E agora chegan as consecuencias.

A desculpa agora de Alcoa é a perda da subvención por interrompibilidade, unha axuda de Estado ás factorías con elevado consumo de electricidade que, no caso de elevar o exceso de demanda, renunciarían á produción durante un tempo para non desabastecer a sociedade. Pero o caso é que iso nunca sucede polo exceso de produción eléctrica co que conta o Estado.

Aínda así, o caso é que a subvención ás factorías como Alcoa repercute na tarifa eléctrica dos cidadáns, xa que se carga directamente nela, o que suporía un 3% do importe ao que facemos fronte nos nosos recibos. E se non hai axuda, a multinacional ameaza con pechar dúas fábricas no Estado e marchar.

Galicia exporta un 40% da enerxía mentres é das comunidades que menos consomen

O caso en Galicia é aínda máis polémico, xa que como adoita lembrar a oposición -en especial o BNG desde hai xa anos-, o país é exportador de enerxía mentres soporta uns custos sociais e ambientais pola explotación dos seus recursos naturais polos que non recibe compensación ningunha.

Segundo os últimos datos sobre o sistema eléctrico español e o balance de enerxía eléctrica por autonomías, Galicia exporta un 40% da enerxía mentres é das comunidades que menos consomen. De aí que o Bloque leve tempo reclamando unha política tarifaria propia para o país. En definitiva, unha tarifa eléctrica galega, que recoñeza os custos reais de producir electricidade no país, e que son moito máis baixos que no resto do Estado ao ser unha potencia exportadora.

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG
Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.