Alcoa facturou 3.000 millóns de euros no terceiro trimestre, un 15% máis que hai un ano

Pancarta dos traballadores e Alcoa na entrada da fábrica © CCOO

A facturación do grupo Alcoa no terceiro trimestre deste ano alcanzou case os 3.000 millóns de euros (2.949), un 14,4% máis que os ingresos dun ano antes. Así o especifica a compañía na publicación dos seus resultados entre xullo e setembro, feitos públicos case ao tempo que anunciaba o peche das fábricas da Coruña e Avilés. 

A facturación de Alcoa no terceiro trimestre alcanzou case os 3.000 millóns de euros; o beneficio neto supera os 100

Nese mesmo documento, un dos maiores produtores mundiais de aluminio anuncia que perdeu 35,6 millóns de euros neste terceiro trimestre, fronte ao beneficio de 98 obtido no meso período do pasado ano. No entanto, de excluír dese cálculo os custos extraordinarios vinculados ás pensións e aos beneficios dos antigos empregados (151 millóns), o beneficio neto supera os 100 millóns de euros (103), un incremento do 5%. 

Así, nos nove primeiros meses do ano Alcoa gañou 160 millóns de euros, un 55% menos que un ano antes, mentres que as vendas medraron nun 15,7%, até os 8.730 millóns de euros. 

Protesta de persoal de Alcoa na Coruña, este xoves / @TraballadoAlcoa

A multinacional xustifica o peche das dúas plantas fundamentalmente na improdutividade das factorías polas perdas que lles provoca o elevado importe da tarifa eléctrica. Alcoa cifra en preto de 80 millóns estas perdas nas dúas fábricas, que xa perderan 26 no anterior exercicio. A metade delas, aproximadamente, serían atribuíbles á sede da Coruña, onde os custos enerxéticos nun mes sitúanse a tal hora nos 7 millóns aproximadamente. 

Alcoa recibiu uns 1.000 millóns de euros en axudas na última década para abaratar os custos enerxéticos, máis de 130 no que vai de ano

Todo cando Alcoa ten recibido arredor de 1.000 millóns en axudas públicas na última década para abaratar os seus custos de electricidade nos últiimos dez anos a través das poxas de interrompibilidade, un sistema que paga ás empresas de alto consumo enerxético a cambio da dúa disposición a desconectarse da rede en caso de necesidade para o sistema. 

Tal e como aclarou a ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera, Alcoa foi o principal beneficiado destas poxas, abranguendo arredor do 30% delas. Segundo o Goberno central, este ano adxudicouse xa unha capacidade equivalente a un 23% do total do servizo, un custo que ascendería a máis dos 130 millóns de euros. 

Para Ribera, que Alcoa sinale os elevados custos enerxéticos como a causa do peche das factorías é "unha escusa e unha cortina de fume". Ademais, advertiu de que, se cadra, o Executivo debería reformular o sistema de interrompibilidade e "ralentizar" o proceso de poxas. 

Este sistema baséase na disposición de deixar de consumir enerxía por parte dos grandes consumidores, fundamentalmente industria. Así redúcese a demanda e equilíbrase o mercado; a cambio, as empresas reciben unha retribución económica. A interrompibilidade alégase tanto por motivos de emerxencia como económicas, pero págase só pola dispoñibilidade, independentemente se Red Eléctrica Española decide aplicalo ou non. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.