Alcoa mantén o mutismo pero asume que venderá ou buscará investidores

Protesta contra o peche de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Alcoa medita a posible venda das súas plantas en Galicia mentres os traballadores manteñen a incerteza, sen información ningunha oficial e atendendo a ruxe-ruxes continuos. A multinacional debátese entre vender as factorías que mantén no Estado -a da Coruña e a da Mariña, así como a de Avilés, en Asturias- ou buscar investidores e aliados industriais para estas instalacións

Son case 2.000 os traballadores que Alcoa emprega nas súas instalacións en Galicia das que agora parece querer desfacerse, logo de anos de reproches aos altos custos pero tamén de importantes beneficios que só se detiveron no último exercicio. A filial do xigante norteamericano en España perdeu algo máis de 110 millóns de euros en 2015, pero acumulara uns beneficios de máis de 500 nos tres anos anteriores. E uns 2.000 desde que se fixera coas plantas no Estado en 1998 e entre as continuas críticas dos representantes dos traballadores polos seus escasos investimentos nas fábricas. Segundo denuncian os sindicatos, o negocio saíulle á perfección a unha firma que comprou barato e pretende agora marchar. "Un choio". 

Alcoa acumulou centos de millóns de beneficios desde que comprou Inespal ao Estado en 1998

Alcoa mercou á SEPI a firma estatal Empresa Nacional de Aluminio (Inespal) en 1998 por algo menos de 400 millóns de euros, comprometéndose a investir outro tanto na compañía na década seguinte e a manter o cadro de persoal. No entanto, a maioría das plantas foron vendidas e das dez coas que contaba naquel momento só quedan actualmente tres: as tres afectadas agora por outra ameaza de peche. 18 anos despois de mercalas, agora búscalles comprador. 

En 2014, a multinacional do aluminio vendeu dúas das últimas que lle quedaban na Península, as de Alacant e Amorebieta, ao grupo estadounidense Atlas, que é agora un dos máis serios candidatos a facerse coas factorías galegas. Representantes da filial desta empresa en España, Aladium, tería visitado xa a instalación da Coruña segundo advirte o comité de empresa. 

O grupo estadounidense Atlas, que xa mercou dúas factorías na Península, é un dos serios candidatos a facerse coas plantas galegas

En Galicia, os traballadores levan máis dun ano agardando pola decisión de Alcoa, que alega perda de competitividade polos altos prezos que paga pola electricidade como consecuencia do novo e polémico sistema de poxas. De feito, tal e como denunciaran os comités de empresa das distintas factorías, aquel acordo de venda de hai 18 anos incluía o dereito a unha compensación económica por parte da SEPI á compañía no caso de aumentar o importe da enerxía nos seguintes 15 anos. Segundo os sindicatos, a sociedade pública xa devolveu a Alcoa antes de 2013 todo o que pagara por Inespal. Foi a partir do remate dese prazo cando as queixas polas subas na tarifa e as ameazas de peche foron claras. 

Agora, os traballadores esperan respostas a todas as súas dúbidas mentres a Xunta asegura que "apoiará sempre a Alcoa" se mantén o emprego e realiza investimentos nas plantas, aínda que admite que a estratexia corresponde á dirección, toda vez que a firma avalía "todas as operacións" para as súas plantas no Estado.

A empresa traslada aos traballadores que mantén abertas todas as opcións para o futuro das factorías

A empresa continúa a transmitir aos traballadores, como nas xuntanzas celebradas hoxe entre responsables e comités de empresa, que están abertas todas as posibilidades, pero que non hai nada decidido, tal e como recoñeceu unha voceira da multinacional en Radio Coruña. Tampouco trasladan información sobre o interese doutros grupos. E a venda, logo de anos de incerteza e escurantismo, tampouco é rexeitada de plano polo cadro de persoal, sempre que a compradora traia consigo un proxecto industrial serio e manteña o emprego. T

Cartel contra o peche de Alcoa CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.