Alemaña non cede: "Hai un trato que cumprir"

Comitiva de Merkel e Rajoy pola Praza do Obradoiro © Goberno de España

No medio do debate sobre o futuro de Grecia tras o novo goberno de Syriza e con Alemaña no punto de mira pola súa postura ante as novas propostas do Executivo de Alexis Tsipras para relaxar as condicións que afogan o pobo heleno, Alemaña deixou clara a súa postura. O Real Instituto Elcano e a Academia Europea de Berlín organizaron en Santander un extenso seminario no que representantes de todos os poderes do Estado xermano intentaron trasladar as súas posicións a expertos, investigadorse e máis dunha ducia de medios de comunicación do norte da Península convidados. Entre eles, Praza Pública, un dos dous medios galegos presentes, que asistiu a día e medio de relatorios nos que desde o Bundesbank ata a Embaixada ou o propio Parlamento trataron de xustificar e explicar as políticas de austeridade predominantes na UE e as expectativas que do futuro de España se teñen desde Berlín que, como asumiron, non é visto sempre cos mellores ollos.

Alemaña insiste nas reformas e na austeridade e cita a España como "exemplo" fronte as alternativas que presenta Grecia

Porque Alemaña puxo de exemplo a España, cuxo camiño nos últimos anos cualificou de "exitoso" e cuxas reformas citou en numerosas ocasións como a senda a seguir. Foi un intento de xustificación constante por parte dos representantes do Goberno alemán, tal e como lle advertiron algúns medios, conscientes dun exercicio de transparencia tan destacable como pouco moldeable. "En Grecia a débeda non está en debate; hai un trato que cumprir", asegurou, por exemplo, Peter Tempel, embaixador de Alemaña en España e ex responsable permanente xermano na UE, que inzou de boas palabras as reformas estruturais levadas a cabo no Estado español malia as consecuencias que en formas de recortes, paro e emigración están a provocar. Na liña que a chanceler Merkel marca en cada unha das súas declaracións.

"Pedimos que se continúe neste camiño para lograr unha situación saneada e unha redución da débeda; sen esas reformas estruturais non se pode", insistiu en referencia a unha maior flexibilidade do mercado laboral ou unha idade de xubilación "máis axustada á expectativa de vida". Malia todo, tanto el como outros representantes xermanos deixaron claro que esta postura en Europa -a da austeridade e control estrito da débeda- "non é única nin imposta" por Alemaña, senón unha "reflexión común", unha idea que teimaron en clarexar durante as dúas xornadas de debate baixo o título Por que os alemáns son como son? Alemaña desde dentro e vista desde España.

Alemaña insiste en aclarar que é a "reflexión común" na UE a que marca as políticas económicas e non Berlín

"As situacións de España e Grecia son moi diferentes", repetiron en numerosas ocasións. Así o fixo Joachim Bleicker, subdirector da sección Europa no Ministerio de Asuntos Exteriores alemán, que puxo de exemplo a España e aludiu á súa "responsabilidade" en contraposición a Grecia, malia admitir o importante "problema social" que supón no Estado o elevado paro, especialmente o que afecta á mocidade. A consolidación, o crecemento e a estabilidade. Esas son as tres condicións que Alemaña entende inescusables, pero que non cre impostas desde Berlín. Nin moito menos. "Non se debe cuestionar o que se decide conxuntamente en Bruxelas", insistiu, tras coincidir con outros representantes en deixar claro que "Alemaña tamén sufriu e tivo que facer reformas non hai moitos anos".

"Alemaña non obriga a Europa á austeridade", destacou Helmut Heiderich, membro do Comité Presupostario do Parlamento alemán, que recoñeceu, non obstante, que "tamén os alemáns se preguntan se tanta achega acaba sendo útil para Europa". Porque o seu discurso é claro e sen dúbida o máis duro na UE, tamén cunha Grecia á que o propio Barack Obama vén de botar un cabo. "Non se pode seguir presionando un país que está en plena depresión", dixo o presidente dos EUA hai tan só unhas horas, ao tempo que Francia ofrecía apoio e Europa meditaba disolver a troika.

Pero Alemaña non relaxa. "España tivo éxito", destacaba Heiderich, ato tempo que unha voceira do Banco Central Alemán, Annete Grüttner, advertía que o Estado español "xa crece moito" e que a súa insitución "non impón nada" na UE. Entre as dúbidas dos medios e algún reproche por marcar unha liña a seguir que impón o paro, os recortes e a emigración masiva de mozos, nin o Bundesbank, nin o Executivo xermano e nin tan sequera o Consello Asesor de Sabios Economistas, que é independente, receitan moito máis que "paciencia" ou presumibles mellores perspectivas.

"España é un exemplo de manual, máis incluso que Alemaña"

"España é un exemplo de manual, máis incluso que Alemaña", chegou a dicir Benjamin Wigert, secretario xeral dese prestixioso órgano independente de economistas que asesora e aconsella o Goberno federal. "España é o mellor exemplo de que as reformas e os recortes duros no sistema bancario funcionan", insistiu, tras clarexar unha situación alemá que, dixo, non é tan boa como en Europa se pensa. De feito, instou a reformas urxentes no seu propio país para evitar un estancamento económico que semella unha broma para quen sofre a austeridade no sur.

"Non só Alemaña está de acordo con esta política de control e consolidación fiscal; hai moitos outros países como Holanda, Finlandia ou Austria que manteñen esta postura pero nin son tan grandes nin tan importantes", engadiu Walther von Plettenberg, director xerente da Cámara de Comercia de Alemaña en España, que recoñeceu as dúbidas en España, pero tamén a boa consideración -común- que hai entre ambos os dous Estados, unha característica corroborada cun estudo estatístico baseado en enquisas que mostrou a boa imaxe que para os xermanos ten a poboación española en xeral, considerada máis traballadora e menos corrupta que italianos ou gregos.

A vitoria de Syriza e o auxe de Podemos preocupan nunha Alemaña que insiste no camiño das reformas marcadas

Porque Grecia é a gran preocupación para Alemaña. O novo goberno de Syriza e a aposta pola reestruturación da débeda -ou mesmo unha quita- inqueda un Goberno xermano que ve como a onda de Tsipras pode supor un contaxio para outros Estados abafados pola austeridade, os recortes e as duras política predominantes na UE. De feito, as apostas pola relaxación da presión a Atenas xorden xa tanto desde a propia Bruxelas como desde Washington ou París. España mantense firme ao lado da postura dunha Alemaña que non verbaliza a súa verdadeira preocupacióna, pero que insinúa o seu principal e real temor: a vitoria de Podemos nas vindeiras eleccións e un futuro goberno que busque alternativas, se una a Grecia e impulse unha onda de cambio no continente. Iso, máis aló das consecuencias da crise, é o que lles rompería os esquemas.

Seminario sobre Alemaña e a UE en Santander © Real Instituto Elcano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.