Alimentos Lácteos: a aposta da Xunta para o sector lácteo acaba na ruína

Traballadores pedindo solución para Alimentos Lácteos CC-BY-SA CIG

O que pretendía ser a semente do desexado grupo lácteo galego acabou na ruína. Dun proxecto ambicioso á nada absoluta. Ese foi o resultado de Alimentos Lácteos, logo de que a pasada semana o administrador concursal asinase a solicitude para liquidar unha empresa que estaba en preconcurso desde o mes de xaneiro. E cuns 10 millóns de euros de débedas a distintos acredores, ademais dos préstamos por pagar. Un tráxico final despois de elevadas inxeccións de diñeiro público -uns 9 millóns de euros- por parte da Xunta, teimuda en apostar por un proxecto destinado ao fracaso desde o mesmo momento no que se elixiron os seus xestores.

O tráxico final agardado para Alimentos Lácteos chega tras inxeccións públicas da Xunta duns 9 millóns de euros

"Se cadra era a solución menos mala de entre todas as malas, pero é obvio que a Xunta encargou o proxecto por enchufismo a cooperativas amigas que tiñan que asumir enormes procesos de industrialización e cunha complexidade moi grande; era algo demasiado ambicioso e sen as garantías suficientes", asegura Christian López, secretario comarcal de Fgamt-CIG e un dos voceiros do comité de empresa.

Alimentos Lácteos pretendía darlle alento ao sector lácteo galego a través dunha marca de valor engadido (Deleite) e pagando prezos dignos aos gandeiros. Para logralo, valeríase do cadro de persoal da antiga fábrica de Pascual en Lugo, 81 traballadores que así evitarían o paro ao que estaban destinados e que se manteñen nun ERE de suspensión desde o pasado mes de marzo. Agora, e tras a proposta de liquidación, agardan a proposta dun ERE de extinción e confían en manter a vinculación ás instalacións co obxectivo de conservar no futuro os postos de traballo no caso de que se recupere a actividade da planta. No peor dos casos, o comité xa advirte de que pelexarán para que os operarios "teñan garantidas as indemnizacións que se tiñan garantidas xa no ERE de Leche Pascual".

A Xunta apostou por dúas cooperativas amigas para pilotar un proxecto para o que Feiraco presentara unha alternativa solvente

Os traballadores son só algúns dos prexudicados nunha compañía que acumula débedas desde o primeiro dos tres anos que durou a aventura. Os presumibles esforzos (e promesas) da Xunta para conseguir un investidor que evitase o peche quedaron en nada e a Consellería de Medio Rural continúa en silencio. Non foi igual cando o Goberno galego apostou claramente por dúas pequenas cooperativas amigas, La Arzuana e Gancobre, para levar o temón do proxecto. Eugenio Montero, tenente de alcalde de Touro polo PP, sería o presidente; o secretario, Arcadio López, número dous no goberno municipal, tamén do PP, na Pastoriza.

Samuel Juárez, daquela conselleiro de Medio Rural, decidiu que esta era a mellor opción, malia que Feiraco conseguira reunir arredor do seu proxecto a maioría de cooperativas lácteas de Galicia para conformar un gran grupo galego. Era o máis serio e o que o mundo do agro vía con expectativas de futuro. Pero poucas horas antes de asinarse o compromiso, o ex presidente do PP da Coruña, Romay Beccaría, forza un xiro ante a sorpresa xeneralizada, tal e como denunciou en numerosas ocasións Unións Agrarias. Dun proxecto global a unha aposta reducida e vinculada a familias do Partido Popular.

O consello de administración seguiu cobrando salarios malia que a empresa nunca deu beneficios

"De facerse ben as cousas, estariamos falando da semente do grupo lácteo galego, pero fíxose todo con moito enchufismo e amiguismo. Abonda con dicir que o consello de administración estaba cobrando uns salarios cando esta empresa nunca tivo beneficios e a percepción deses salarios sempre estivo ligada á obtención deses beneficios", lembra Christian López, que denuncia a escasa profesionalidade dos xestores, polo menos de cara a unha aposta tan forte. "Foi un cúmulo de despropósitos, unha xestión que se lle encarga a xente que se cadra puxo boa intención, pero que era demasiado para eles, e máis da forma na que se fixo. As consecuencias son as que vemos agora", insiste.

O informe do administrador concursal do pasado mes de xullo non obvia a irresponsabilidade dos xestores e fala de posibles delitos económicos ou o feito de que os responsables permitisen durante anos que o patrimonio neto da compañía fose inferior á metade do cpital social. A auditoría que encargara Pascual denunciaba, directamente, a xestión "non profesionalizada" da empresa.

Na súa desfeita, Alimentos Lácteos arrastrou tamén centos de gandeiros, como os que acudiron ás ampliacións de capital entregando milleiros de toneladas de leite a cambio. UUAA denuncia que se lle adebedan cinco mensualidades a 800 explotacións, uns 25 millóns de euros, e recomenda acudir á xustiza ante un caso que xa cualifica como "as preferentes lácteas", en referencia ás once cooperativas ás que se atrapou con "créditos participativos".

UUAA denuncia que se lle adebedan 25 millóns de euros a centos de gandeiros

Ademais, desde o comité de empresa advirten tamén de que exixirán as posibles responsabilidades que se deriven dun proceso que acabou en desastre. Non se descarta que o xulgado abra unha peza para aclarar como se puido chegar a esta situación. "Váiselle intentar dar carpetazo ao que foron investimentos de moitos millóns de euros por parte da Xunta para os seus amiguiños; isto arrastrou unha morea de cooperativas implicadas que comprometeron moitos cartos. Non é de recibo pero o peor é que era o que nos temiamos", rematan os representantes dos traballadores. A crónica dunha morte anunciada.

Traballadores pedindo solución para Alimentos Lácteos CC-BY-SA CIG
Traballadores pedindo solución para Alimentos Lácteos CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.