Alimentos Lácteos traballa ao 4% da súa capacidade tras os 9 millóns investidos pola Xunta

Representantes de AGE, co comité de Alimentos Lácteos © AGE

Alimentos Lácteos segue sen atopar solución. A factoría de Outeiro de Rei, que recolle leite de case dous mil gandeiros de toda Galicia, atravesa "unha grave crise que afecta non só ás once cooperativas que agrupa, se non o xa danado tecido agrogandeiro da zona", tal e como denuncia Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que culpa da súa situación á "política errática" da Xunta, así como aos seus "remedios trapalleiros".

AGE censura os "remedios trapalleiros" da Xunta cunha factoría na que investiu uns 9 millóns de euros

Antón Sánchez, voceiro de Agricultura e Alimentación do grupo parlamentario de AGE, esixe "explicacións" da Xunta á "inquedanza" que amosan os 71 traballadores dunha factoría que leva tempo agardando por solucións ante o negro futuro que prevén. Así, Alternativa denuncia que o cadro de persoal "leva máis de tres meses pedindo unha entrevista" cun responsable do Goberno que "nin tan sequera lle responde".

O caso é que a Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijóo impulsou en 2012 a constitución de Alimentos Lácteos, formada a partir da unión de once cooperativas e apoiada polo Goberno para ocupar a antiga factoría de Pascual malia a presenza de importantes ofertas doutras (e máis numerosas) cooperativas galegas, como a liderada por Feiraco. Agora, e logo de que a Administración galega investise perto de nove millóns de euros de cartos públicos na fábrica, os produtores seguen sufrindo atrasos nos pagamentos. Levan entre cinco e catro meses de atrasos, o que provocou que moitos deles deixasen de levar o leite á factoría.

“Non confían no proxecto”, asegurou Antón Sánchez, que lembra que a factoría ten capacidade para procesar 7,5 millóns de litros de leite á semana e apenas está traballando con 300.000, un 4% do que se podería empregar. Os parlamentarios de AGE manteñen contacto continuado co cadro de persoal de Alimentos Lácteos e esixen da Xunta "responsabilidades" pola situación da compañía.

“A situación é límite”, asegurou o deputado de AGE por Lugo, Ramón Vázquez, quen lembrou as dificultades que atravesan outras empresas emblemáticas da provincia, como as madeireiras Finsa e Tablicia, a cementeira Cosmos ou a fábrica de Sargadelos, así como os datos do paro, cuxo incremento interanual en Lugo foi de practicamente un 10%.

Representantes de AGE, co comité de Alimentos Lácteos © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.