Almunia insiste en que "non perdoará" ao naval a devolución do 'tax lease'

Almunia, comisario da Competencia © Comisión Europea

Almunia insiste. O comisario da Competencia da UE asegurou este luns que non se pode "perdoar" a España a devolución das axudas públicas concedidas ao abeiro do tax lease, porque iso suporía violar a lexislación comunitaria, aínda que volveu aclarar que non serán os estaleiros os que terán que reintegrar esas subvencións, senón os investidores eos armadores.

Almunia nega diferenza de trato con Francia por parte das autoridades comunitarias

Ademais, Almunia quixo saír ao paso das queixas dos estaleiros, que alertan que os contratos con investidores e armadores trasládanlle a responsabilidade a eles, para asegurar que estes acordos "non existen xuridicamente" porque vulneran tamén as normas da UE. "Xuridicamente, non se pode perdoar" a devolución das axudas, dixo o responsable de Competencia, que negou calquera diferenza de trato entre Francia e España. "Desde a aprobación do sistema español en 2002 até metade do 2005 non pedimos a devolución de axuda porque tampouco se lle pediu a Francia por ese período", explicou. "Estamos a dar exactamente o trato que recibiu Francia", insistiu.

O comisario de Competencia volveu destacar tamén que na súa proposta para a decisión definitiva do 17 de xullo precísase "taxativamente que quen teñen a obrigación de devolver as axudas son os grupos de interese económico e os investidores que participaron nestes grupos de interese económico, que non son estaleiros, e quen compraron os buques aos estaleiros".

O comisario asegura que os contratos que obrigan aos estaleiros a asumir o reintegro "non existen xuridicamente"

"A min sorpréndeme ás veces escoitar a algúns representantes do sector que din: 'Non, non, pero nós somos responsables'. E eu insisto: Non son vostedes responsables de devolver. Nin un só estaleiro ten que devolver un só euro", sostivo Almunia. Preguntado de novo polas cláusulas contractuais que obrigarían aos estaleiros a asumir o reembolso, o vicepresidente da Comisión insistiu en que "cando os contratos van en contra das obrigacións xurídicas que derivan do marco europeo, eses contratos non existen xuridicamente".

Ademais, non deu moitas esperanzas malia a petición do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, de realizar un último esforzo sobre o problema dos estaleiros. Así, Almunia advertiu de que "non é unha cuestión de esforzo", senón que "a obrigación da Comisión, para iso está a Comisión: respectar e facer respectar o marco legal que rexe o control das axudas de Estado".

"Nós existimos e estamos aquí para facer valer o interese xeral europeo, non dependemos de ningún país, non podemos recibir instrucións de ningún país", engadiu ante as críticas que chegan desde o seu propio partido, o PSdeG, que o acusa de provocar a morte do sector. "Fariamos un mal servizo á UE se pensamos máis nos intereses dun país, sexa o noso ou sexa outro, que nos intereses do conxunto e, desde logo, non seriamos comisarios nin un día máis se non respectamos nosas propias normas xurídicas", insistiu o vicepresidente do Executivo comunitario.

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea
Manifestación do naval en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.