Ana Miranda pídelle a Feijoo que explique por que Galicia perde 3.500 millóns en fondos de cohesión

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

Galicia recibe no período 2007-2013 5.600 millóns de euros en concepto de fondos estruturais e de cohesión, cantidade que, segundo os propios datos facilitados pola Xunta se reducirá a 2.000 millóns de euros para o novo período 2014-2020. A eurodeputada do BNG Ana Miranda denuncia que, malia a este feito, o Goberno de Núñez Feijóo mantén "un inaudito ton de triunfalismo diante dos embaixadores da UE facendo referencia a un suposto fondo de transición que non existe no documento aprobado polo Parlamento Europeo, nin na proposta da Comisión". Por este motivo os nacionalistas pídenlle ao presidente da Xunta "que explique onde está previsto ese fondo de transición e cal é a súa dotación orzamentaria".

A eurodeputada denuncia que "a desidia e a ineficacia política da Xunta durante os dous anos de negociación ten como consecuencia que unha caída previsible se convertese nun recorte drástico"

Miranda explica que por vez primeira Galicia deixa de estar na categoría dos territorios menos desenvolvids, polo que era “previsible” unha redución dos fondos estruturais para o periodo 2014-2020. Porén, a eurodeputada denuncia que "a desidia e a ineficacia política da Xunta durante os dous anos de negociación ten como consecuencia que unha caída previsible se convertese nun recorte drástico, que en lugar de reter dous terzos dos 5.600 millóns que recibe actualmente, como era a previsión inicial, se produza unha caída que deixa o orzamento en apenas un terzo da cifra actual”.

“Non ten sentido que se tome como referencia o PIB de 2009, como sucede neste momento, para establecer o reparto duns fondos que entrarán en vigor en 2014"

Neste senso, Miranda considera que o presidente galego “debe substituir o triunfalismo a ante os responsables da UE por alternativas reais para que, cando menos, Galiza conserve os dous terzos dos fondos de cohesión, o que suporía arredor de 3.500 millóns de euros para os próximos anos, 1.500 millóns de euros máis dos que ten asignados a día de hoxe tras as pésimas negociacións da Xunta”. O BNG propón que se teña en conta a situación “real” da economía galega en termos de PIB. “Non ten sentido que se tome como referencia o PIB de 2009, como sucede neste momento, para establecer o reparto duns fondos que entrarán en vigor en 2014. Dicir que o PIB de Galiza é do 91,3% e que estamos na categoría de rexións ricas non responde a situación real do noso país, polo que o BNG propón que se actualicen os datos de PIB rexional o que lle permitiría a Galiza pasar á categoría de rexións en transición e manter arredor do 66%, uns 3.500 millóns de euros”, conclúe Miranda.

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.