Angela Merkel devolve España á crúa realidade

Mariano Rajoy e Angela Merkel, na Moncloa © Goberno de España

Nunca cómpre subestimar a Angela Merkel. O cumio de xuño deu lugar a titulares pouco habituais. Triunfo de Rajoy e Monti. Merkel, acurralada. Españois e italianos conseguiran o seu obxectivo. Desta vez, non houbo marxe para empregar a palabra vitoria. No cumio de Bruxelas, a chanceler alemá volveu impor os seus desexos e o seu calendario electoral.

A supervisión bancaria polo BCE e a recapitalización directa dos bancos españois terán que esperar. España necesitábao canto antes. O acordo consiste en pór en marcha o mecanismo de control ao longo de 2013. A recapitalización directa, se ocorre, virá en 2014. "O noso obxectivo é a supervisión bancaria que pague a pena, porque queremos crear algo que sexa mellor que o que temos agora", dixo Merkel onte á noite.

A supervisión bancaria polo BCE e a recapitalización directa dos bancos terán que esperar, malia que España necesitábao axiña

"O que temos agora" é no caso de España a necesidade de conseguir decenas de miles de millóns de euros para sanear o seu castigado sector financeiro sen que repercuta na débeda pública. Case calquera cousa é mellor que iso.

O borrador inicial do acordo referíase ao obxectivo de ter un acordo pechado "para finais de ano" sobre a supervisión bancaria, sen a cal a axuda europea directa aos bancos españois non é posible. O texto definitivo dilata os prazos. O obxectivo consiste en ter un acordo sobre o "marco legal" para o 1 de xaneiro de 2013. "Os traballos sobre a posta en práctica producirase ao longo de 2013".

Merkel freou o intento de François Hollande de acelerar os prazos para axudar a España. "Significa que a chanceler aprazou o asunto de usar o ESM (fondo de rescate, Mede no seu acrónimo en castelán) para recapitalizar directamente os bancos até despois das eleccións de setembro, dando a volta así á decisión do cumio de xuño", conta o Daily Telegraph.

O presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, informou os líderes no cumio que se requirirán entre seis e doce meses para pór en marcha o mecanismo de supervisión bancaria dentro do BCE, segundo fontes da UE citadas polo Financial Times.

As necesidades electorais dos gobernos impóñense sobre a realidade. Rajoy fíxoo coas eleccións andaluzas e o mesmo fixo Merkel antes e agora

Malia estas palabras de Draghi, na rolda de prensa posterior, Hollande felicitouse pola decisión do cumio de facer posible a recapitalización bancaria "pouco despois" do 1 de xaneiro de 2013. Merkel ten outras ideas respecto diso. "Non é unha cuestión duns meses", confirmou Merkel, que neste asunto tivo o apoio completo de Holanda e Finlandia.

Como noutras ocasións na crise da eurozona, as necesidades electorais dos gobernos impóñense sobre a realidade. Rajoy atrasou importantes medidas até a celebración das eleccións de Andalucía, e por iso foi criticado por moitos medios de comunicación europeos. O mesmo fixo Merkel antes e agora.

Rajoy, con Angela Merkel en Chicago © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.