As administracións galegas débenlles 162 millóns aos autónomos

Presentación do estudo de ATA © ATA

A directiva europea de loita contra a morosidade establece que, como norma xeral, as Administracións públicas téñenlles que pagar en 30 días ás empresas que as provén de produtos e servizos. Non obstante, este prazo está lonxe de cumprirse. Quen dá a voz de alarma desta volta é a Federación de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) que, a través dunha enquisa, vén de trazar un mapa da demora nos pagamentos en todo o Estado e das cantidades polas que agardan estes traballadores e traballadoras. No caso galego, os autónomos e autónomas agardan para cobrar facturas por importe de 162 millóns de euros.

A nivel estatal o Observatorio do Traballo Autónomo conclúe que o 29,2% das persoas que traballan a través desta modalidade "tarda en cobrar as facturas emitidas á Administración máis de seis meses", o 55,1% "entre 90 e 180 días" e só o 15,7% "antes de 90 días". "Dentro dese 15,7% que cobra en menos de 90 días -especifican- só o 8% cobra as facturas nos prazos que establece a lei", isto é, en 30 días ou menos. No caso galego, as Administracións públicas -non só a Xunta, tamén os concellos, as deputacións, as empresas públicas e o Goberno central- pagan cunha demora media de 51 días. Este indicador sitúan as Administracións de Galicia como as cuartas máis dilixentes do Estado, aínda que vinte e un días por riba do legal.

As Administracións galegas páganlles aos autónomos e autónomas nunha media de 51 días, vinte e un por riba do legal

Un chisco máis abaixo, aínda que tamén pola banda alta, é onde se sitúa Galicia ao observar os cartos adebedados polas Administracións aos traballadores e traballadoras autónomas. Os devanditos 162 millóns de euros sitúan as Administracións galegas en sétimo lugar, por tras de Navarra (42 millóns), Cantabria (61), Balears (139), Extremadura (147) e Asturias (148). Todas estas autonomías están notablemente lonxe das que pechan a clasificación en canto a cartos pendentes, é o caso de Madrid (490 milllóns), Comunitat Valenciana (670 millóns), Andalucía (703) e Catalunya (798). O estudo, datado no presente mes de maio, reflicte tamén que en Galicia a débeda se reduciu nun 1,1% a respecto da última observación, realizada en febreiro, cando a débeda era de 164 millóns.

Neste contexto, o presidente de ATA, Lorenzo Amor, reclama que o Goberno central actúe en consecuencia e permita "que o autónomo que teña dificultades para cobrar unha factura dunha Administración poida acudir directamente a Facenda para que lla paguen". Despois, explica, "sería o Estado o que lle descontaría o importe a ese concello ou comunidade autónoma da súa participación nos ingresos públicos". Do mesmo xeito, explica, resulta "imprescindible" que "o Goberno lle permita aos autónomos compensar as débedas que teña con Facenda ou coa Seguridade Social coas facturas impagadas que á súa vez manteña unha Administración ou el, ou ben que poida obter un aprazamento automático das súas obrigas tributarias ou coa Seguridade Social".

Demora media das Administracións no pagamento aos autónomos
AUTONOMÍAS DÍAS
Navarra 38
Euskadi 38
La Rioja 40
Galicia 51
Madrid 98
Castilla y León 114
Extremadura 117
Cantabria 122
Balears 124
Aragón 134
Canarias 139
Castilla-La  Mancha 148
Asturias 152
Murcia 152
Andalucía 153
Comunitat Valenciana 153
Catalunya 155

 

Presentación do estudo de ATA © ATA
Débedas das Administracións cos autónomos (millóns de euros) Fonte: ATA CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.