As axencias de viaxe critican a falta de axudas da Xunta e alertan de que "a metade" das empresas poden pechar pola COVID

Protesta das axencias de viaxe ante o Parlamento galego © AGADAV

As axencias de viaxe están a ser, xunto con todo o ámbito turístico e a hostalaría, as salas de concertos ou as empresas de espectáculos, un dos sectores máis afectados economicamente pola pandemia de Covid-19 e as restricións aplicadas para combatelo. Todo o ano 2020 foi un ano perdido para estes negocios, pola imposibilidade legal de viaxar en moitos momentos ou as precaucións adoptadas por moitas persoas mesmo cando era posible facelo, coma o pasado verán.

En Galicia existen nestes momentos algo máis de 600 axencias de viaxe, nas que traballan entre 1.500 e 1.800 persoas, cuxos empregos están en grave risco

Esta fin de semana a Xunta anunciou dende Sanxenxo un paquete de axudas para estas compañías. Porén, o anuncio foi recibido con grandes críticas por parte da Asociación Galega pola defensa das Axencias de Viaxes (AGADAV), que denuncia o carácter limitado destes apoios, acusando tamén ao Goberno galego de non querer reunirse con estas empresas dende hai meses. En Galicia existen nestes momentos algo máis de 600 axencias de viaxe, nas que traballan entre 1.500 e 1.800 persoas, cuxos empregos están en grave risco.

Alfonso Rueda, á esquerda, este sábado en Sanxenxo © Xunta

AGADAV subliña que as axencias de viaxe "non fomos partícipes desa reunión nin fomos convocadas" e destaca que das axudas anunciadas tan só 400.000 euros se dirixen realmente ao groso destas empresas

No Real Club Náutico de Sanxenxo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda anunciou que o Goberno galego "investirá 2,4 millóns de euros a través de varias liñas de axudas para a este sector destinadas á creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia, á promoción do Xacobeo 2021 e a garantir liquidez destes negocios". Ademais, na nota de prensa distribuída polo Executivo subliñábase que Rueda se reunira "con representantes de asociacións galegas de axencias de viaxe e turoperadores".

AGADAV subliña que as axencias de viaxe "non fomos partícipes desa reunión nin fomos convocadas" e destaca que das axudas anunciadas tan só 400.000 euros se dirixen realmente ao groso destas empresas, destinados a hacer fronte aos seguros de Caución e Responsabilidade Civil, "obrigados como Sector Regulado e condicionantes das nosas licenzas" sinala a entidade. Unha cantidade moi exigua, de pouco máis de 600 euros para cada axencia.

Unha parte importante das axudas anunciadas polo Goberno galego (1,2 millóns) destínase a "fomentar a cooperación entre operadores con apoio ás empresas do sector que se agrupen para crear novos paquetes e produtos turísticos" e outros 800.000 euros serán ofrecidos a turoperadores e axencias con máis de 10 empregados e empregadas "para financiar a estes negocios, reforzar a promoción de Galicia asociada ao Xacobeo 2021 e poñer en marcha novos produtos cos que reactivar a actividade".

Son moi poucas as axencias que superan esa cifra de 10 traballadores e traballadoras, "apenas 5 ou 6", din dende a Asociación Galega pola defensa das Axencias de Viaxes

O problema é que son moi poucas as axencias que superan esa cifra de 10 traballadores e traballadoras, "apenas 5 ou 6", din dende a Asociación Galega pola defensa das Axencias de Viaxes. A entidade lembra que as empresas do sector rexistran neste ano unha redución de ingresos próxima ao 90% con respecto ao ano 2019, o que ten como consecuencia que estes negocios se atopen "totalmente desprotexidos, descapitalizados e sen axudas de ningún tipo". 

Protesta das axencias de viaxe ante o Parlamento galego © AGADAV

"Levamos practicamente sen ningún ingreso dende hai un ano, porque a partir de febreiro o que fixemos foi sobre devolucións e reintegros ás persoas que comezaban a anular as súas viaxes"

AGADAV sinala que en novembro se reuniu no Parlamento co voceiro da mesa de Turismo, Borja Verea Fraiz, ao que lle demandaron a necesidade de contar con axudas directas dunha contía moi superior á anunciada esta fin de semana. Así mesmo, a entidade lembra que hai meses que solicitou unha xuntanza co vicepresidente Alfonso Rueda e coa directora de Turismo, Nava Castro, "sen obter resposta".

"Ata agora non tivemos ningún tipo de axuda", di Mar Moreira, voceira de AGADAV, que engade que "levamos practicamente sen ningún ingreso dende hai un ano, porque a partir de febreiro o que fixemos foi sobre devolucións e reintegros ás persoas que comezaban a anular as súas viaxes". "As fronteiras están pechadas e ademais non están a funcionar os servizos turísticos. Mesmo cando as fronteiras abren a xente ten medo a viaxar, o que é normal", explica.

"Somos empresas pequenas, familiares, e non temos recursos para facer fronte a todo isto. Estamos sobrevivindo con ceses de actividade, pero cobras 600 ou 700 euros que non dan para nada"

"Somos conscientes de que hai moitos sectores que o están pasando mal, pero creo que ningún coma o noso. Porque a hostalaría, aínda que sexa pouco, algo vai facturando, pero nós estamos a cero. E, ademais, temos o peso da débeda que as maioristas ou a compañías aéreas teñen con nós, ao redor de 7.000 millóns de euros", afirma Mar Moreira, que indica que "somos empresas pequenas, familiares, e non temos recursos para facer fronte a todo isto. Estamos sobrevivindo con ceses de actividade, pero cobras 600 ou 700 euros que non dan para nada".

A voceira da AGADAV conclúe expresando a súa "esperanza" cos efectos vacina da Covid-19, "a ver se nuns meses comeza a haber un pouco de actividade". Con todo, advirte de que a partir de xaneiro "van caer moitas axencias de viaxe, vai pechar a metade das empresas galegas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.