As cidades galegas, as que máis vivendas baleiras teñen en todo o Estado

Na última década o número de vivendas baleiras incrementouse en varios milleiros CC-BY Daniel Lobo

O proxecto europeo Urban Audit recolle e compara unha serie de indicadores para máis de 900 cidades de toda a UE, 109 en España, entre elas as sete galegas. Tamén analiza zonas supramunicipais definidas (áreas urbanas funcionais), unhas 45 en todo o Estado, entre as que aparecen catro galegas: A Coruña, Vigo, Compostela e Ourense. Entre os indicadores que valora e compara hai aspectos económicos, sociais, educativos ou de mobilidade. No contexto español as urbes galegas só son líderes nun dos ámbitos estudados, non positivo, precisamente: o da proporción de vivendas baleiras.

Detrás de Manresa (23,82% de vivendas baleiras sobre o total) aparecen inmediatamente Ourense (21,71%), Lugo (20,75%) e Ferrol (19,78%). Tamén Pontevedra (en 11º lugar, co 17,41%) e Santiago (14º, co 16,93%)

Con datos correspondentes a 2011 (o máis recente dispoñible), cinco das sete cidades do país sitúanse nas primeiras posicións deste indicador. Detrás de Manresa (23,82% de vivendas baleiras sobre o total) aparecen inmediatamente Ourense (21,71%), Lugo (20,75%) e Ferrol (19,78%). Tamén Pontevedra (en 11º lugar, co 17,41%) e Santiago (14º, co 16,93%). A Coruña (29º, 14,24%) e Vigo (44º, 12,95%), aparecen máis atrás pero igualmente na primeira metade desta extensa lista de 109 cidades de toda España.

 

As rendas máis latas, centralizadas en Madrid

Seis das sete cidades con máis renda media por familia localízanse en Madrid (Pozuelo de Alarcón, Majadahonda, Las Rozas, Alcobendas, Madrid e San Sebastián de los Reyes)

Urban Audit compara tamén indicadores económicos e de renda, nos que se pode comprobar a concentración de riqueza en Madrid e na súa área metropolitana. Seis das sete cidades con máis renda media por familia localízanse en Madrid (Pozuelo de Alarcón, Majadahonda, Las Rozas, Alcobendas, Madrid e San Sebastián de los Reyes). Entre elas aparece tamén San Cugat del Vallés (en terceira posición) e en oitavo e noveno lugar vemos tamén a Castelldefels e Barcelona, amosando a riqueza da área metropolitana da cidade condal. Madrid acolle tamén os dous barrios más ricos de España (El Viso e Piovera), aos que acompaña no podio o barcelonés de Pedralbes.

Entre as cidades galegas só Santiago de Compostela (12ª con máis renda) e A Coruña (20ª) aparecen no primeiros postos. Vigo (31ª) e Pontevedra (34ª) sitúanse un pouco máis abaixo. Outros indicadores económicos amosan a preocupante situación de Ferrol, por exemplo, cuarta cidade cunha menor taxa de actividade. Ourense é a sétima urbe cunha menor proporción de persoas activas sobre o total da poboación.

 

As cidades galegas, entre as máis envellecidas

De igual xeito, nos indicadores demográficos algunhas das urbes galegas aparecen nos últimos postos. Ferrol é a cidade cunha menor taxa de natalidade e Ourense (19ª), A Coruña (22ª) e Vigo (25ª) tamén se sitúan entre as urbes nas que nacen menos nenos e nenas por habitantes.

Ferrol encabeza a clasificación das urbes cunha menor proporción de poboación de 0 a 14 anos (11,05%), unha lista na que A Coruña é 5ª (12,02%), Ourense é 8ª (12,06%) e Compostela 13ª (12,65%)

Ferrol encabeza igualmente a clasificación das urbes cunha menor proporción de poboación de 0 a 14 anos (11,05%), unha lista na que A Coruña é 5ª (12,02%), Ourense é 8ª (12,06%) e Compostela 13ª (12,65%). Moi lonxe do 21,14% de Las Rozas, o 20,32% de San Cugat del Vallés ou o 19,48% de Dos Hermanas. Á inversa, Ferrol (1ª), Ourense (5ª) e A Coruña (8ª) están entre as cidades con maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos. 

A cidade naval é tamén a urbe cunha maior idade mediana (47,42) na súa poboación, superando a León, Xixón, Salamanca, Avilés e Bilbao. En sétima posición aparece Ourense (45,79 anos) e en novena vemos á Coruña (45,62).

 

Mobilidade

Os indicadores comparados no proxecto Urban Audit tamén analizan determinadas cuestións de mobilidade, coma a porcentaxe de persoas que van ao traballo a pé, a proporción que emprega o coche privado ou a porcentaxe de persoas que utiliza o transporte público. Nestas estatísticas Ferrol (16ª), Lugo (18ª) e Pontevedra (21ª) aparecen entre as cidades nas que unha maior cantidade de cidadáns e cidadás se achegan a pé aos seus postos de traballo.

Vigo (31ª) e Ferrol (42ª) sitúanse por riba da media das cidades españolas no uso do vehículo privado para realizar estes desprazamentos. Pola contra, Ferrol (8ª), Lugo (13ª) e Pontevedra (22ª) aparecen entre as urbes nas que menos de utiliza o transporte público, unha clasificación na que A Coruña presenta os mellores datos entre as cidades galegas, roldando os valores medios estatais.

 

Na última década o número de vivendas baleiras incrementouse en varios milleiros CC-BY Daniel Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.