As comunidades pasarán a tesoira cunha dureza descoñecida para cumprir co 1,5% de déficit

Cristóbal Montoro, ministro de Facenda CC-BY-NC-SA EFE

A prensa internacional ten un diagnóstico de consenso: a culpa da desviación do déficit en 2011 foi das comunidades autónomas. É na confianza onde algúns membros do Executivo central cren que está o problema, a razón pola cal a prima de risco siga por riba dos 325 puntos básicos ou o por que de que a débeda soberana española sexa xa peor que a italiana. Non obstante, as nulas perspectivas de crecemento a longo prazo (a curto non existen), a crise estrutural do sistema produtivo e un mercado laboral deteriorado como nunca son as que penalizan, e así o entenden os investidores, esa confianza que busca Rajoy nos encontros do Consello Europeo.

A mensaxe é a de que non hai alternativa a esa estrada asfaltada en recortes e sinalada por Bruxelas

O camiño antidéficit é o que está a marcar a pauta dos chamados Estados periféricos. Os que botaron man de capital foráneo para alimentar unha expansión desmedida do sector público (Grecia ou Italia) ou para crear unha burbulla inmobiliaria (España). E non hai alternativa a esa estrada asfaltada en recortes e sinalada por Bruxelas ou, nomeadamente, os donos dese mar de diñeiro que un día nos foi concedido a un tipo de xuro desorbitado. O obxectivo de déficit é o 5,8% do PIB para 2012, do 3% para 2013. Quedan, cando menos, dous exercicios consecutivos para acometer o maior recorte de gasto da historia da Democracia española. As comunidades autónomas, como aprobaron esta tarde, comprométense a pisar ese mesmo camiño.

O déficit das comunidades autónomas é de 31.541 millóns de euros. O Estado pídelles que o recorten á metade nun prazo raquítico

Todas as CCAA, agás Andalucía, aprobaron o seguinte: pechar 2012 cun déficit orzamentario do 1,5%, o que suporá un recorte de máis de 15.000 millóns de euros en nove meses. Esta cantidade é a mesma, por exemplo, que a do coñecido como decretazo antidéficit de maio de 2010 (rebaixa do salario aos empregados públicos e conxelación das pensións). Sirva como exemplo, asemade, que o orzamento da Xunta para todo un ano baila arredor dos 10.000 millóns de euros. En total, o déficit das comunidades autónomas é de 31.541 millóns de euros. O Estado pídelles que o recorten á metade nun prazo raquítico. O Goberno central xa decidiu que non podía pasar dun 8,51% de déficit ao 4,4%, tal e como estaba establecido por Bruxelas. O esforzo, que Rajoy suaviza, o esixe das CCAA sen ningún trato paliativo.

Pago a provedores

A disciplina castrense enténdese, parece, polo contexto de economía de guerra. O non de Andalucía foi rapidamente interpretado polo ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, como unha postura electoralista. O compromiso de extrema rixidez nas contas obrigará a modificar algunhas leis orzamentarias e, ao entender do PP, esa corrección afectaría aos intereses do PSOE andaluz. Como apuntou Praza este mesmo martes, hai un desequilibrio entre o déficit dalgunhas comunidades e a débeda absoluta, factor que institucións como a Fedea atribúen ao adiamento nos pagos a provedores.

O Goberno tamén formalizou esta tarde o anuncio polo cal se disporá dun crédito de 35.000 millóns de euros (máis débeda, superior ao déficit total das CCAA) a devolver en dez anos e a un tipo de xuro do 5%. Eses cartos procederán, como así parece, da poxa de liquidez que o BCE levou a cabo en dúas sesións diferentes e nas cales repartiu un billón de euros (o PIB de España). Ese préstamo foi concedido, na última poxa, a 800 bancos ao 1% de xuro. A banca española prestará eses 35.000 millóns ao 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.