As contas de Caixa Rural Galega certifican a súa boa saúde "nun contexto complexo"

Presentación dos resultados da Caixa Rural Galega © Caixa Rural Galega

No ano no que cumpriu 50 anos de vida, Caixa Rural Galega presentou e aprobou unhas contas que certifican o seu bo estado. A última sociedade cooperativa de crédito de Galicia pechou 2016 cun beneficio neto de máis de 3 millóns de euros, algo por riba do acadado en 2015, unhas contas presentadas e aprobadas na asemblea xeral que a entidade lucense celebrou o pasado sábado. 

Caixa Rural Galega pechou 2016 cun beneficio neto de máis de 3 millóns, algo por riba do acadado en 2015

A boa saúde da caixa certificouse tamén nos depósitos de clientes, que acadaron preto de 800 millóns de euros cun crecemento respecto de 2015 do 10,8%, mentres que o investimento crediticio superou nun 2% ao do ano anterior, ata os 417 millóns de euros netos, e "nunha contorna no que o investimento crediticio global continúa a decrecer".

A entidade destaca que os bos resultados chegan "nun contexto complexo", con tipos de xuro "historicamente baixos, mesmo en valores negativos". Ademais, destaca que Caixa Rural Galega foi quen de manter os resultados, logo dos anos "de forte crise e elevadas necesidades de dotacións". "Recuperan cifras similares a anos previos á crise, aínda que para conseguilo sexan precisos maiores volumes de intermediación debido ás estreitas marxes que sofre o sector", din. 

A entidade aumentou os créditos e os depósitos "nun contexto complexo"

No seu balance, Caixa Rural destaca tamén que estes resultados e a súa actividade levouse a cabo "sen peches de oficinas nin recortes de persoal" malia as dificultades que, di a entidade, "atravesa o sector nunha contorna de tipos tan baixo". "Afrontamos o futuro cunha boa posición de saída, pese a este contexto tan complexo para os próximos anos, ao que se engaden  importantes desafíos tanto regulatorios como tecnolóxicos", engaden. 

Caixa Rural Galega amósase "convencida" de que poderá "adaptarse ás transformacións que esixirá o futuro" e lembra que a entidade que partiu de Lugo ten presenza xa en máis de 40 concellos de Galicia.

Sede central de Caixa Rural Galega, en Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.