As contratacións estivais reducen o paro en 11 mil persoas

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

O paro baixou en xuño en 122.684 persoas no conxunto de España e quedou nunha cifra total de 4.449.701. En Galicia hai 11.134 persoas menos inscritas como demandantes de emprego, un total de 252.310. É o quinto mes de caída consecutiva, e o undécimo se desestacionalizamos os datos. Foi, polo tanto un bo mes para o emprego, como é habitual ás portas do verán, pero debullando os datos atopamos as fendas.

En Galicia a afiliación creceu en 6.366 persoas. A maior parte das contratacións realizáronse no sector servizos, nomeadamente en hostalaría e comercio

A suba do emprego é moito máis moderada que o recorte do paro: no conxunto do Estado houbo 56.622 novos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, polo que unha parte importante do descenso do desemprego se debe a persoas que deixaron de estar inscritas (por desánimo, por emigración) nas oficinas do Sepe. En Galicia, de igual xeito, a afiliación creceu en 6.366 persoas, cun incremento interanual de 4.651 novos inscritos. Ademais, como é norma neste mes, a maior parte das contratacións realizáronse no sector servizos, nomeadamente en hostalaría e comercio.

Iso si, en xuño Galicia foi a terceira comunidade autónoma que rexistrou unha maior caída do paro, en termos relativos (un 4,23%), despois de Baleares e Cantabria. Ademais, aínda que o descenso se concentra no sector servizos (6.884 persoas), o desemprego cae tamén na construción (-1.740), na industria (-1.590), no colectivo de demandantes sen emprego anterior (-699) e mesmo na agricultura (-221), ao contrario do que sucede no sector no resto de España. 

Porén, a análise do tipo de contratos que se formalizan demostra que a caída do paro está sostida pola contratación estival: En xuño de 2014 rexistráronse no conxunto do Estado 110.258 contratos de traballo de carácter indefinido, case un 5% menos que en maio, o que fai que supoñan o 7,26% de todos os contratos asinados. Destes indefinidos, 47.406 foron a tempo parcial. A hostalaría é o sector que tira con máis forza (cunha creación de emprego do 2,65%), e os autónomos tamén seguen aumentando a un ritmo superior a de os asalariados, cun 2,4% anual. É dicir, as case 1,42 millóns de empresas que hai dadas de alta na Seguridade Social en España só crearon 71.420 postos de traballo asalariado. No mesmo período, 15.516 persoas tiveron que dar o paso de darse de alta como autónomos. En Galicia asináronse 74.217 contratos, dos que só 5.401 foron indefinidos. En total, só o 8,67 por cento dos contratos de traballo en Galicia teñen unha duración indefinida.

Case a metade dos parados e paradas galegas rexistradas na oficinas de procura de emprego non teñen ingreso ningún

Un dos datos máis preocupantes dos coñecidos hoxe ten que ver coa taxa de cobertura, a porcentaxe de persoas desempregadasque percibe algún tipo de prestación, que no conxunto do Estado caeu seis puntos no último mes, até o 57%. En Galicia só 135.597 das 252.310 persoas inscritas como demandantes de emprego reciben algún tipo de prestación, o que deixa a taxa de cobertura no 53,74%. É dicir, case a metade dos parados e paradas galegas rexistradas na oficinas de procura de emprego non teñen ingreso ningún. 60.909 deles perciben unha prestacións contributiva (cunha contía media de 797 euros mensuais), outras 61.785 ingresan unha prestación asistencial (426 euros mensuais) e 12.903 a renda activa de inserción.

 

Reaccións sindicais

Para a CIG, o descenso no número de persoas inscritas nas oficinas de búsqueda de emprego se debe, principalmente, "á estacionalidade do emprego e á emigración"

Para a CIG, o descenso no número de persoas inscritas nas oficinas de búsqueda de emprego se debe, principalmente, "á estacionalidade do emprego e á emigración". E subliña que o incremento da afiliación á Seguridade Social en apenas 6400 persoas, "dato moi inferior á baixada do desemprego" indica que as paradas galegas "optan ben por non anotarse xa ás oficinas públicas ante a falta de perspectivas ben por buscar unha saída laboral lonxe do país". O sindicato nacionalista denuncia "a cada vez maior pracariedade e temporalidade do emprego, con tan só un 7,3% de altas feitas baixo algunha das modalidades de contratación indefinida". Para a CIG "a maioría das novas contratacións débense á estacionalidade, principalmente a substitución de vacacións e actividades ligadas ao período estival".

UGT-Galicia fai a mesma análise, sinalando que "a mellora do desemprego está empañada pola saída de mozos e inmigrantes ante a falta de expectativas e pola temporalidade da contratación". O sindicato advirte de que "continúa o descenso da poboación activa polo efecto desánimo e que a precariedade continúa estendéndose". Por ese motivo, urxe o Executivo a que "abra un proceso de diálogo para lograr un plan de recuperación laboral que potencie o emprego, especialmente no caso dos colectivos con maiores dificultades, a formación e se estenda e garantice a protección por desemprego a todos". UGT lembra que o gasto en prestacións por desemprego "segue diminuíndo" porque cada vez hai menos gasto público en cobertura de desempregados. Así, en Galicia no mes de maio o gasto foi de 113.716.000 euros, cando hai un ano este era de 139.616.000, o que supón un descenso do 18,6 por cento.

Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Miguel Malvido, estes datos danlle a razón á CIG: “Nós xa advertimos de que as medidas que se estaban a introducir coas sucesivas reformas laborais non só non ían favorecer a creación de emprego senón que ademais provocarían o que xa está pasando: que o pouco emprego que se crea é precario”. A CIG denuncia ademais que estes contratos temporais levan aparelladas "unhas condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada".

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.