As eléctricas aproveitan o mercado libre para elevar un 30% as súas marxes de beneficio

O prezo da luz seguiu crecendo ao longo da crise: máis dun 10% dende o 2011 CC-BY-SA Jesús Domínguez

As comercializadoras eléctricas -sobre todo as ligadas a grandes corporacións- aproveitaron a eliminación da Tarifa de Último Recurso, que liberalizou o mercado, para ampliar no último ano a súa marxe de beneficio nun 30%, segundo sinalou a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia nun informe sobre a supervisión do mercado. As eléctricas aproveitaron a redución producida no custe de xeración da enerxía (entre un 5 e un 7 por cento), e non a trasladaron á factura final, que mesmo se incrementou, sobre todo para os consumidores domésticos.

A Tarifa de Último Recurso contribuía a que os prezos finais se axustasen ao prezo regulado que marcaba o Goberno. A súa desaparición eliminou esa barreira, permitindo un incremento dos prezos

Ata abril do pasado ano, a Tarifa de Último Recurso contribuía a que os prezos finais se axustasen ao prezo regulado que marcaba o Goberno. A súa desaparición eliminou esa barreira, permitindo un incremento dos prezos. A CNMC sinala que son as comercializadoras vinculadas ás grandes eléctricas as que incorreron nesta práctica, pois advirte que "os prezos das empresas non vinculadas si evolucionan dunha maneira máis acorde aos custes de aprovisionamiento nos mercados".

A Comisión tamén alerta de que a maior parte dos consumidores segue contratando tarifas no mercado libre con subministradoras que ofertan "os prezos máis elevados", e sinala que isto se debe ao "descoñecemento" das opcións dispoñibles. En todo caso, os datos de 2014 amosan unha perda de clientes por parte das grandes comercializadoras, pola aparición e crecemento de comercializadoras independentes. Iso si, as grandes empresas seguen concentrando a maior parte do mercado (un 77% dos consumidores e consumidoras, fronte ao 80% do ano anterior).

 

Incremento do 83% na factura eléctrica dende o 2003

A factura eléctrica para os consumidores e consumidoras domésticas encareceuse nun 83,2% dende o ano 2003

A CNMC lembra igualmente que a factura eléctrica para os consumidores e consumidoras domésticas encareceuse nun 83,2% dende o ano 2003, dende os  0,131 €/KWh que pagaba hai 12 anos un cliente medio ata os 0,240 €/KWh que está a pagar na actualidade. O encarecemento continuo ao longo da crise económica. En 2011 o prezo medio por kilowatio e hora era de 0,219 euros, o que supón un crecemento do 10% nos últimos catro anos.

O incremento nestes últimos catro anos débese sobre todo ao aumento dos impostos (por mor da suba do IVE) e ao crecemento do capítulo de peaxes

O incremento nestes últimos catro anos, que coinciden co goberno de Mariano Rajoy e a lexislatura que está a piques de rematar, débese sobre todo ao aumento dos impostos (por mor da suba do IVE) e ao crecemento do capítulo de peaxes. De feito, o custe de xeración da enerxía pasou de representar o 40% da factura en 2011 a ser só o 35%.  Polo que respecta ás peaxes eléctricas, que pasaron de supor o 40,35% a ser o 43,17% da factura, incrementáronse principalmente os custes de amortización do chamado déficit de tarifa (eran o 6,44% do total das peaxes en 2011 e hoxe son xa o 14,84%).

 

O prezo da luz seguiu crecendo ao longo da crise: máis dun 10% dende o 2011 CC-BY-SA Jesús Domínguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.