As entidades que forman persoas desempregadas, afogadas polas "débedas" da Xunta

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

"Nin un euro". É o que recibiron ou, en sentido estrito, o que deixaron de recibir as organizacións encargadas de impartir en Galicia os cursos para persoas desempregadas que promove a Administración e nos que o alumnado ten dereito a recibir "unha serie de bolsa e axudas de até o 75%" do salario mínimo, uns fondos que o Goberno galego abona ás entidades para que estas lles acheguen aos beneficiarios. Entidades adxudicatarias como Forga atópanse nestes días cun serio problema de liquidez. A razón é que, aínda que a Consellería de Traballo legalmente ten que "anticipar un 25% da subvención" para "que poidamos atender, como mínimo, o pagamento das axudas do alumnado", dende a Xunta aínda non se pagou nada.

"A Forga e o resto de centros adxudicatarios de formación para desempregados e desempregadas atopámonos con que o Goberno de Feijóo, que tanto se gaba de ser serio e austero fronte a outras Administracións autonómicas solicitantes de rescate, non ten pagado nin un euro do anticipo". Isto, detallan, provoca que "non dispoñamos de liquidez para poder afrontar o pagamento das axudas", ademais de xerar unha débeda que, no caso de Forga, "é duns 700.000 euros". En total, "un cálculo aproximado" leva a Forga a calcular que "as débedas que manten a Xunta cos centros de formación" en concepto de anticipos é de 11,2 millóns", isto é, o 25% dos 45 millóns de euros adxudicados.

O impagamento xera unha débeda mensual de 95.000 euros

Así as cousas e co obxectivo de que as 404 persoas que asisten a cursos de Forga poidan cobrar, a dirección da entidade tentará "subscribir unha póliza de crédito para poder facer fronte ao pagamento" dunhas axudas que xeran unha débeda mensual de 95.000 euros. Ademais, a entidade entregaralle ao seu alumnado un recoñecemento formal da débeda e unha explicación das súas causas, así como información a respecto das vías polas que poden reclamar ante a Consellería de Traballo. De xeito paralelo Forga disponse a emprender "accións xudiciais de responsabilidade patrimonial contra a Xunta, en reclamación dos danos e prexuízos causados" á entidade e ao alumnado. Ademais, esta débeda chegará ao Valedor do Pobo.

"Estamos ante un xeito de xestionar totalmente demagóxico e fraudulento que aboca as e os desempregados e a quen impartimos a formación a termos que discutir entre nós sobre os impagamentos", cando "os responsábeis directso son os señores que nos gobernan e que, por riba -din- se permiten o luxo de darnos leccións públicas, contándonos contos de formigas e cigarras", reprochan, en referencia ás verbas pronunciadas por Alberto Núñez Feijóo, nun almorzo informativo celebrado hai poucos días.

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.