As estradas galegas, paradigma de mala conservación no Estado

Estrada co firme en mal estado © AEC

Hai moito que as grandes infraestruturas viarias non son a teima principal dos partidos políticos en época electoral. Os cortes de cinta de novas estradas convertéronse en excepcionais por mor da crise económica, a mesma que fai que as vías de pagamento perdan tráfico ano a ano e que o gañen, polo tanto, as estradas convencionais. A Asociación Española de la Carretera -entidade especializada na análise da rede viaria na que están representadas organizacións sociais, empresas e administracións- vén de presentar un estudo segundo o cal "a comodidade e a seguridade" na circulación por estrada está en serio "risco" por falta de conservación dos firmes. E nese mapa do risco Galicia ten unha posición destacada.

Poucos meses despois da inauguración dos treitos que restaban da autovía Transcantábrica e mentres o Ministerio de Fomento se prepara para gastar máis de 1.000 millóns de euros na polémica autovía que, se ninguén o remedia, atravesará a Ribeira Sacra, só catro autonomías, Aragón, La Rioja, Asturias e Navarra, saen peor paradas que Galicia neste estudo. A AEC explica que "a conclusión máis destacada do estudo é o notable e acelerado deterioramento dos pavimentos tanto na Rede de Estradas do Estado como na Rede Autonómica, obtendo unha cualificación media de "deficiente" en ambos casos e comprometendo a capacidade resistente das capas inferiores.

Isto sucede mentres Fomento prevé gastar máis de 1.000 millóns nunha nova autovía na Ribeira Sacra

Para chegar a estas conclusións a asociación realizou unha avaliación por observación directa das estradas, outorgándolles entre 300 e 400 puntos ás que estaban en bo estado, entre 200 e 300 as que presentaba unha situación "aceptable", entre 100 e 200 para os firmes "deficientes" e entre 0 e 100 para os "moi deficientes". Con este baremo sobre a mesa Galicia obtivo 127 puntos, a quinta cualificación máis baixa, lonxe da media estatal, de 161, e moito máis lonxe aínda das autonomías con mellor puntuación: Extremadura (238), Euskadi (213) e Valencia (189).

Mellores cualificacións en sinalización horizontal

A parte positiva do estudo no caso galego vén na análise da sinalización horizontal das estradas, un indicador no que Galicia obteń a mellor puntuación do Estado, con 6,9 puntos sobre 10 posibles mentres que a media estatal se sitúa en 5,2. A rede viaria do país tampouco sae mal parada no que atinxe ás barreiras de seguridade, onde é a terceira con 5,3 puntos, só unha décima menos que Extremadura e Valencia, as mellor cualificadas. No caso dos elementos de balizamento Galicia queda na banda media, con 5,8 puntos -a media está en 5,9- e na sinalización vertical volve caer aos postos baixos, converténdose na sétima pola cola con 3,9 puntos.

A AEC cifra en 6.200 millóns o investimento necesario en todo o Estado

Neste contexto, a AEC advirte de que "o pavimento acumula o 94% do déficit total en conservación" das estradas estatais e autonómicas. Por este motivo, calculan que "as necesidades de investimento en reposición e reforzo de firmes" superan os 5.800 millóns de euros. "Para conseguir uns niveis suficientes" de conservación no conxunto das redes viarias "sería necesario un investimento de 6.200 millóns, isto é, un 13% máis que en 2011", argumentan.

Barreiras metálicas deterioradas © AEC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.