As explotacións galegas perderon a cuarta parte das súas vacas en dez anos

Participantes nunha tractorada en Galicia © Dobleclic

O sector lácteo galego esmorece. Dino as manifestacións e as tractoradas como a que este martes se desenvolve en Sarria e tamén o din os números. A combinación das cifras máis recentes, datadas no ano 2012, cunha pequena vista cara a atrás permite observar como enfraqueceu o sector tanto en número de explotacións como en número de vacas de muxidura. Atendendo ás bases de datos do IGE en apenas unha década o número de vacas leiteiras reduciuse nunha cuarta parte no país, de case medio millón a pouco máis de 300.000, e o número de explotacións produtoras de leite minguou case un 50% no mesmo período. O número total de vacas era en 2002 dunhas 700.000 e en 2012, de pouco máis de 500.000.

Nunha ollada polo miúdo, ata o nivel municipal, o panorama é, se cadra, aínda máis elocuente, tanto no sector lácteo como no gandeiro en xeral. O número de vacas -leiteiras e non leiteiras- apenas aumentou nunha corentena de concellos na década analizada, mentres que en todos os demais se reduciu. Así, municipios como Abadín, con 921 vacas de muxidura máis, A Lama, con case 800 máis, ou Montederramo, que gañou 600, son excepcións nun mapa no que a redución de gando bovino é a tónica dominante. 

Comarcas eminentemente gandeiras lideran a redución do número de vacas

Os concellos nos que máis minguou o número de vacas ubícanse en comarcas eminentemente gandeiras, o que permite intuír a dimensión da crise do sector. Segundo o Instituo Galego de Estatística o concello que máis vacas perdeu entre 2002 e 2012 foi Santa Comba, que pasou de ter máis de 18.000 a algo menos de 11.000. Esta redución de case 7.300 cabezas de gando só é superior á de Chantada, con case 5.000 vacas menos neses dez anos, ata quedar nas 8.300. Mazaricos, cun recorte de 4.700 vacas, ou Silleda, con 4.600 menos, están tamén á cabeza deste retroceso xeralizado en practicamente todo o interior do país.

A perda de músculo no sector lácteo é evidente na redución do número de animais e tamén na mingua das explotacións. As bases de datos da actual Consellería do Medio Rural e do Mar tiñan cuantificadas no ano 2002 máis de 27.000 explotacións nas que se producía leite. Apenas catro anos despois o número xa baixara de 20.000 e no 2012, xusto antes de afrontar os últimos anos antes do remate do sistema de cotas, esta cifra apenas superaba as 14.000.

Vacas dunha explotación galega © R.Reboiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.