As mobilizacións polo 1º de maio piden ao PSOE un "xiro social" nas políticas do futuro executivo

Manifestación da CIG en Vigo polo 1º de maio CC-BY-NC-ND GzContrainfo

Milleiros de persoas saíron ás rúas este 1º de maio en Galicia. As principais cidades e vilas de Galicia acolleron as manifestacións convocadas polos sindicatos, marcadas pola resaca do 28A e as perspectivas en materia de política social e económica sobre o futuro goberno do Estado. CCOO e UGT celebraron a súa marcha central na Coruña, mentres que a CIG elixiu Vigo.

CCOO e UGT lémbranlle ao PSOE que a xente falou "votando á esquerda" e reclaman un "xiro social" nas políticas do Estado

Na Coruña, José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, lembroulle ao PSOE que as urnas “falaron votando á esquerda” polo que pediu a Pedro Sánchez que non lles “falle” a todas esas persoas. Ademais, insistiu en pedir a derrogación das dúas últimas reformas laborais e da reforma das pensíións de 2013 tras unha manifestación con continuas alusións aos problemas da industria electrointensiva, como é o caso de Alcoa. 

Na mesma cidade, o secretario xeral de CCOO-Galicia, Ramón Sarmiento, avogou por un “xiro social” para pór fin “ás políticas de desvalorización de dereitos” para afondar na consolidación de dereitos sociais iniciada polo PSOE no Goberno nos últimos meses. 

Manifestación de CCOO e UGT na Coruña polo 1º de maio © CCOO-Galicia

Desde Vigo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou o estado de “emerxencia social” que vive boa parte da poboación e fixo tamén referencia ao grave problema da industria electrointensiva ou do automóbil, con continuos ERE nos últimos tempos, e mesmo de empresas de telemárketing. 

A CIG chama a "recuperar dereitos" ante un estado de "emerxencia social" 

Así, antes da manifestación máis numerosa deste 1º de maio en Galicia, Carril instou o Goberno central e a Xunta a asumir de vez esas problemáticas tras criticar a súa falta de “vontade” para arranxalas. Fíxoo nas declaracións previas a unha marcha baixo o lema Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas.

Por outra banda, os sindicatos CUT, CGT, S. Elevación, STEG ou SF-Intersindical manifestáronse tamén en diferentes localidades, como A Coruña ou Compostela, tendo en Vigo a súa marcha principal baixo o lema Sen loita non hai dereitos. Camiñando cara á folga xeral

Na urbe coruñesa, a mobilización foi convocada polos sindicatos CUT e CGT baixo o lema Contra a explotación e o saqueo, solidariedade e loita

Ademais,  o presidente do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, esixiu a Pedro Sánchez o "cumprimento" dos compromisos que o Goberno socialista fixo antes das eleccións xerais para garantir o futuro desta factoría e a de Avilés. 

"Non confiamos en ningún político, enganáronnos bastantes veces", dixo, aínda que advertiu de que o persoal seguirá "presionando" con mobilizacións ata que se garanta o porvir das fábricas. 

Manifestación da CUT, CGT ou STEG en Vigo polo 1º de maio © CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.