Unha de cada dez familias galegas é monoparental (105.009, segundo datos do IGE correspondentes a 2014), fogares nos que se crían fillos e fillas que dependen dun único proxenitor, as súas nais na maior parte dos casos. Estas familias monomarentais son, segundo a Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística, as que con máis dificultade chegan a final de mes. Así, mentres que entre o conxunto da poboación galega o 54% recoñece estas dificultades económicas, a porcentaxe entre as familias monoparentais crece ata o 68%. Algúns estudos indican que 8 de cada 10 fogares monoparentais dependen dunha muller.
A Enquisa amosa unha leve mellora na situación económica dos e das galegas, unha evolución positiva que xa acumula varios trimestres. Son máis os fogares que din chegar a final de mes con facilidade ou moita facilidade (45,7%, fronte ao 42,91% do trimestre anterior e o 41,64% de hai un ano), pero seguen sendo maioría os que sinalan dificultades (47,34%) ou moitas dificultades (6,96%).
O 68% das familias monoparentais di chegar a final de mes con "dificultades" ou "moitas dificultades"
Ademais, se analizamos polo miúdo os datos, vemos como a situación non mellora en absoluto para certos colectivos. Dúas de cada tres familias monoparentais (o 68%) subliñan dificultades ou moitas dificultades para chegar a final de mes, algo menos que no primeiro trimestre de 2015 (74%), pero máis que hai tres meses (62%). A situación é máis desafogada para as parellas sen fillos (o 45% recoñece dificultades), as parellas con fillos (o 52% ten problemas económicos) e os fogares unipersoais (o 57% ten dificultades).
Os atrancos afectan ao 77% dos fogares con ingresos inferiores a mil euros
Os fogares que ingresan menos de mil euros cada mes son os que denuncian maiores problemas económicos: O 77% di chegar a final de mes con dificultades (catro puntos menos que hai tres meses e tres puntos menos que hai un ano). Estes atrancos afectan aos 59% das familias que ingresan entre 1.000 e 1.500 euros e ao 48% das que ingresan entre 1.500 e 2.000. Pola contra, a situación é desafogada para a maior parte dos fogares nos que cada mes entran, cando menos, dous mil euros: tan só o 22% recoñece dificultades. Así mesmo, as dificultades son maiores con concellos pequenos: Afectan ao 58% das persoas que viven en localidades de menos de 20 mil habitantes. Nas vilas entre 20 e 50 mil, os atrancos económicos chegan ao 54% da poboación e nas cidades, ao 50%.
Mellora a percepción da situación económica persoal, empeora a 'confianza' no futuro
A Enquisa Conxuntural a Fogares amosa unha leve melloría na maior parte dos indicadores da situación económica persoal. Con respecto a hai un ano increméntase lixeiramente a porcentaxe de galegos e galegas que din que no primeiro trimestre se permitiron viaxar (pasa do 8,76% ao 11,6%), cear fóra (do 61,88% ao 69,64%), facer fronte a imprevistos ou a grandes compras (do 23,33% ao 28,36%) ou compras extraordinarias de roupa ou calzado (do 16,5% ao 21,1%). Diminúe, ademais, a proporción de fogares que non se permitiron "ningún" gasto extraordinario (pasan do 22,96% ao 19,17%).
O empeoramento da confianza na economía galega está motivado por un maior pesimismo na evolución futura do contexto económico xeral
Porén, os datos publicados este luns polo IGE indican tamén un empeoramento do Indicador de confianza do consumidor, que se sitúa nun valor de -13,94 e acumula dous trimestres de descensos, rachando unha tendencia positiva de tres anos, nos que pasara de -43,26 a -8,69. Este empeoramento da confianza na economía galega está provocada por un maior pesimismo na evolución futura do contexto económico xeral (pasa de -1,86 a -10,03), aínda que as perspectivas de evolución futura da situación financeira persoal se manteñen estables.