As ONGs xa denunciaran en 2014 a explotación de traballadoras sirias nas provedoras de Inditex en Turquía

Refuxiadas sirias nas rúas de Turquía © El Diario

A BBC emitirá esta noite no seu espazo Panorama unha reportaxe que afonda no traballo que milleiros de refuxiadas e refuxiados procedentes de Siria realizan en empresas téxtiles en Turquía. Estas fábricas son provedoras de grandes marcas de roupa, entre elas Zara, Mango, Marks & Spencer, Next e Asos. A investigación explica como estas persoas que chegan a Turquía fuxindo da guerra siria traballan en xornadas de ata 12 horas diarias, con salarios ínfimos e decote sen as condicións de seguridade axeitadas, incumprindo as xa laxas leis laborais turcas. Ademais, en moitos casos estas empresas chegan a contratar menores de idade.

A BBC denuncia que refuxiadas sirias traballan en condicións irregulares en provedoras de Zara

Inditex respondeu xa a estas acusacións, que detalla o traballo de refuxiados e refuxiadas nalgunha das factorías que producen pantalóns vaqueiros para Zara. A empresa con sede en Arteixo recoñeceu a presenza de persoas a traballar nunha das súas provedoras en Turquía que non cumpre cos estándares de seguridade. Esas deficiencias, indica unha voceira da multinacional a Praza.gal, foron "detectadas" nunha inspección en xuño e que esa situación "se está remediando". Inditex engade que lle deu de prazo ata o vindeiro mes de decembro á empresa Goreteks para solventar as actuais irregularidades.

Inditex recoñeceu a presenza persoal en condicións ilegais nunha das súas proveedoras en Turquía, sinalando que foi "detectado" nunha inspección en xuño e que esa situación "se está remediando"

A multinacional galega afirma que traballa coa ONG Refugee Support Centre para tentar "regularizar a situación laboral dos traballadores sirios" e que conta con máis de 400 persoas en Turquía para controlar os seus provedores, levando a cabo "máis de mil auditorías" en 2015. Turquía concentra unha parte moi importante da produción de Inditex, ten nese país 183 provedores, que traballan con 748 fábricas de confección e outros 640 centros que levan a cabo outro tipo de procesos. Estas empresas suman un total de 155.256 empregados e empregadas.

Denuncias de explotación hai xa dous anos

As situacións que se detallan na reportaxe que esta noite emitirá a BBC xa foran denunciadas en 2014 nun informe da campaña Roupa Limpa. Esa investigación centrábase en Bulgaria, Ucraína, Macedonia, Croacia, Romanía, Bosnia Herzegovina, Xeorxia, Moldavia, Eslovaquia e Turquía, algúns países membros da Unión Europea e outros candidatos ao seu ingreso, que funcionan como patio traseiro da industria téxtil, proporcionando man de obra barata ás marcas e empresas de roupa da Europa occidental. O informe detallaba que só en Turquía traballaban uns dous millóns de persoas na industria téxtil (mulleres, a inmensa maioría), cunhas condicións mesmo inferiores ás que se daban no sur de Asia. Especialmente na rexión de Anatolia Oriental (na fronteira con Siria), onde os soldos non chegaban ao 20% do salario mínimo digno (o suficiente para pagar comida, aloxamento e vestido).

O informe de Roupa Limpa detallaba en 2014 a explotación laboral en empresas turcas que traballaban para Inditex

O informe afondaba nalgúns casos particulares, grazas a un minucioso traballo de investigación no que chegou a entrevistar a 300 mulleres en toda a rexión. Entre outros, detallaba a situación que se vivía na cidade de Batman, no sureste de Turquía, unha pequena cidade cun gran número de fábricas téxtiles pequenas e medianas, que traballaban para empresas situadas en grandes urbes como Estambul, Izmir ou Bursa e que á súa vez traballaban para grandes compañías occidentais, en concreto para Inditex e H&M. Nas factorías de Batman, sinalaba o informe, traballaban moitas mulleres kurdas e sirias, moitas delas en situación irregular. Recibían uns 130 euros ao mes, entrando a traballar ás nove da mañá e saíndo á medianoite "e mesmo á mañá seguinte" se había pedidos urxentes, e non cobraban as horas extra (aínda que constitúen unha obriga na lexislación turca).

O documento sinalaba que as traballadoras inmigrantes, procedentes de Siria, o Kurdistán e outros países, "convertéronse nunha fonte de man de obra barata, sen rexistrar e, polo tanto, extremadamente vulnerable"

O documento sinalaba que as traballadoras inmigrantes, procedentes de Siria, o Kurdistán e outros países, "convertéronse nunha fonte de man de obra barata, sen rexistrar e, polo tanto, extremadamente vulnerable". "Xa que moitas das traballadoras da rexión de Batman non se atopan nunha situación regular, teñen dificultades para acceder aos servizos de saúde. De feito, o problema é aínda máis serio, xa que teñen que pagar pola atención hospitalaria. Afirman que 'fan todo o posible para evitar poñerse enfermas'", destacaba o informe da Campaña Roupa Limpa. 

A investigación tamén sinalaba que ao redor de dúas terceiras partes das factorías turcas funcionaban de forma ilegal e que os inspectores de traballo do país decote facían a vista gorda ante estas situacións. Explicaba que "entre as traballadoras existe un tremendo medo a perder o seu emprego e con el unha mínima seguridade social para si mesmas e as súas familias. Os xerentes explotan este medo para presionar as traballadoras do sector téxtil para que acepten as peores condicións laborais posibles".

O informe denunciaba igualmente condicións irregulares en varias factorías que traballaban para Inditex en Romanía. 22 traballadoras de dúas empresas provedoras da compañía galega explicaban que só chegaban ao salario mínimo (menos de 200 euros mensuais nese tempo) se realizaban horas extra, que moitas veces superaban o máximo legal e nin sequera figuraban nas nóminas.

A Campaña Roupa Limpa pedíalles xa en 2014 a Inditex e H&M que respectasen "as leis turcas sobre horas extra e o salario mínimo legal en toda a cadea de subministración"

A Campaña Roupa Limpa pedíalles xa en 2014 a Inditex e H&M que respectasen "as leis turcas sobre horas extra e o salario mínimo legal en toda a cadea de subministración (incluíndo as subcontratas das subcontratas)". E demandáballes que os salarios subisen "inmediatamente até superar os limiares da pobreza e chegar até un mínimo do 60% da media salarial nacional", engadindo que "os prezos de compra se deben calcular sobre esta base". 

 

Refuxiadas sirias nas rúas de Turquía © El Diario
Fábrica turca que produce pantalóns vaqueiros para Zara e na que, segundo a BBC, traballan refuxiados/as sirios/as © BBC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.