As preferentes de Novagalicia sufrirán unha quita adicional do 15%

Afectados polas preferentes, nunha protesta CC-BY-NC-SA BNG

Outra mala noticia para os afectados polas preferentes de Novagalicia Banco, que deberán asumir unha quita adicional do 15%, tal e como publican este mércores varios medios. A decisión chega logo da reunión da comisión xestora do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), que pretendía decidir como darlle liquidez aos titulares destas participacións da entidade galega e tamén de CatalunyaCaixa, ao non cotizar ningunha delas en Bolsa.

O FGD comprará as accións aos preferentistas pero a cambio dunha comisión do 15%

Chegouse a unha solución, pero nin moito menos será positiva para as ducias de milleiros de afectados polas preferentes en Galicia logo de que os produtos sexan cambiados por accións. Así, o FGD comprará esas accións  aos posuidores deses produtos, pero farao a cambio dunha comisión que se situará arredor do 15%. Será unha quita adicional que non afectará aos clientes de Bankia ao ser este un banco que xa está en Bolsa.

Tal e como se acordara hai meses, en Novagalicia os descontos serán do 43% de media para as preferentes, do 41% para a débeda subordinada e perpetua e do 22% para a subordinada a vencemento. Con esta quita adicional, un preferentista galego sufrirá un desconto total dos seus aforros de arredor do 60%.

O Banco de España pretende ofrecer unha quita inferior a aqueles afectados que non acudan aos tribunais

O anuncio desta nova quita chegará presumiblamente o vindeiro venres, cando o Banco de España comunique outra mala noticia para os afectados polas preferentes. Ese mesmo día podería haber outra sorpresa, segundo adianta Cinco Días: que aqueles posuidores destes produtos que renuncien acudir á vía xudicial poidan ter unha quita inferior ao recibir o cambio por accións que a que terán se deciden preitear para recuperar os seus cartos. Xa que logo, premiar a aqueles que descarten acudir aos tribunais e evitar demandas masivas.

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.