Foi o propio Valedor quen lle entregou hoxe á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o seu Informe Ordinario correspondente ao ano 2011 que recolle cifras históricas en canto ao número de expedientes desenvolvidos. A defensoría galega tratou un total de 2947 reclamacións, 249 máis que en 2010, o que supón un incremento do 9% respecto do ano pasado.
Benigno López non obviou que a difícil situación económica, “agravada en 2012”, é a que explica que as queixas na área de servizos sociais deixaran “ben marcada a súa pegada no día a día do traballo do Valedor”. O incremento do 141% nos temas referidos aos servizos sociais converten este área na máis reclamada, por riba da de educación, con 475 queixas, e emprego público e interior, con 348. Estas dúas últimas áreas, sumadas á primeira, suman a metade de todas as investigacións levadas a cabo polo organismo.
As queixas en servizos sociais, educación e emprego público suman a metade de todas as investigadas polo Valedor
No seu informe anual, o Valedor é moi crítico coa inaplicación da Lei de Dependencia (LD) e censura “os abundantes incumprimentos, que traen consigo que os dereitos recoñecidos nesta norma non resulten efectivos para moitos cidadáns”. “Os atrasos continúan e nalgúns casos resultan aínda máis prolongados”, destaca o documento. En total, son 171 as queixas relativas á citada LD e aos atrasos que afectan a dependentes severos e moderados, pero tamén “a non poucos grandes dependentes”. Do mesmo xeito, o Valedor censura que aínda non se teña arranxado a falta de pago “de atrasos en caso de falecemento do dependente” ou “dos atrasos aos herdeiros dos dependentes que recibiron os programas de axudas antes de que estes morresen”. Todo, destaca, malia que esta débeda xa foi recoñecida.
Para o Valedor, parte dos motivos da ineficiencia desta Lei da Dependencia non é outra que a disputa política entre gobernos central e autonómico ou, en palabras do informe, “o complexo sistema de reparto concorrente de responsabilidades materiais e sobre todo financeiras entre as diferentes administracións”. “Galicia argumenta que achega máis cartos que o Estado e o Estado argumenta o contrario”, aclara o texto, que pide solucións aos poderes públicos para evitar que “as discrepancias” sirvan “de escusa” para o cumprimento dunha lei en favor duns dependentes “que deben recibir de forma preceptiva e sen excepción os servizos previstos”.
O Valedor lamenta que as discrepancias entre gobernos central e galego sirvan de "escusa" para incumprir a Lei de Dependencia
“A atención aos dependentes debería ser tratada dunha forma moito máis dinámica, como un servizo público precisado de maior axilidade e dinamismo, con avaliacións rápidas e o establecemento de servizos tamén de forma case inmediata”, remata o Valedor, que solicita un cambio de sistema que ve “desaxustado” e “deficiente para atender de forma adecuada as necesidades da maioría das persoas dependentes”.
Ademais, e entre este aumento dun 141% nas queixas en asuntos sociais, destaca a presentación de 262 cun mesmo contido, denunciando os recortes "que afectaron ás políticas autonómicas de cooperación e desenvolvemento e axuda humanitaria". En concreto, as reclamacións chegaron tras a aprobación de dúas ordes da Xunta que modificaban unhas anteriores nas que se establecían axudas por contías finalmente reducidas.
Por último, e ante a preponderancia da conflitividade social derivada da crise económica, o Valedor do Pobo destaca tamén o importante retroceso nas reclamacións en áreas como Obras Públicas e Expropiacións (-75%), Corporacións Locais, Servizos Municipais e Protección Civil (-35%), Sanidade (-24%) e Cultura e Política Lingüística (-27%).