As reformas laborais e a Lei Mordaza, centro das críticas no 10 de marzo

Acto institucional de homenaxe a Amador Rey e Daniel Niebla © Concello de Ferrol

En Ferrol e en toda Galicia os sindicatos conmemoraron un ano máis o Día da Clase Obreira neste 10 de marzo, efeméride que lembra o asasinato en 1972 de Amador Rey e Daniel Niebla a disparos da policía franquista, unha intervención -que buscaba disolver unha manifestación dos traballadores de Bazán- que se saldou con 16 feridos de bala e ducias por outras lesións, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados.

Un ano máis os sindicatos galegos celebran o 10 de marzo por separado, coincidindo unicamente na tradicional ofrenda floral realizada ao pé do monumento que en Porta Nova (o lugar no que morreron os dous obreiros) lembra os feitos. Alí estiveron tanto UGT, coma a CIG coma CC.OO., representada polo seu secretario xeral, Ignacio Fernández Toxo. Tamén participaron os representantes das principais forzas políticas da cidade, encabezadas polo alcalde, Jorge Suárez. Tamén asistiu a deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz.

A CIG convocou asembleas e mobilizacións nas sete cidades, así como en varias vilas galegas, baixo o lema Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!. A central sindical denuncia que "o obxectivo destas contrarreformas era, e así se evidenciou, precarizar as condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas e dotarse da lexislación necesaria para reprimir a contestación social a esas medidas antiobreiras e antisociais". O sindicato esixe a "inmediata derrogación" das dúas últimas reformas laborais e tamén da Lei Mordaza, "atendendo aos resultados das eleccións do 20-D". A CIG celebrou asembleas de delegados e delegadas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Viveiro e Pontevedra, e fará o mesmo pola tarde en Compostela. Así mesmo, levou a cabo concentracións en Pontevedra, Viveiro, Lugo e A Coruña. A partir das 20 horas están convocadas manifestacións en Ferrol (con saída do local sindical), Compostela (con saída da Praza Roxa) e Vigo (con saída dende A Doblada).

Mentres, Xan María Castro, presidente da Fundación 10 de Marzo e antigo secretario xeral de CCOO, destacou en homenaxe a Amador e Daniel e a todos os traballadores e traballadoras que sufriron a represión durante o franquismo e a Transición que "grazas a eles temos hoxe a posibilidade de manifestarnos en liberdade, de reivindicar pacífica e democraticamente mellores salarios e condicións de vida". Sinalou que "a tantas veces mencionada transición á democracia non foi, como tratan moitas veces de dicirnos voces interesadas ou desinformadas, unha simple manobra de palacio. Foi produto da loita da clase traballadora, de CCOO, da militancia máis consecuente da oposición ao franquismo, que fixo posible un tránsito pacífico da ditadura á democracia, por suposto co concurso dunha serie de persoeiros políticos e do rei, pero non debido en exclusiva, nin sequera no fundamental, a eles". A manifestación de CC.OO. en Ferrol partirá ás 19 horas do Monolito do Pilar.

Así mesmo, este mércores o Ateneo Ferrolán acolleu un acto, organizado por Esquerda Unida, co obxectivo de "visiblizar e reivindicar o papel das mulleres nos acontecementos do 10 de marzo do 72". Na mesa redonda, titulada Mulleres no Marzo do 72: Nosoutras estamos aí, interviron Cristina Almeida, Sari Alabau, Mariluz Canal e Fina Varela.

 

Suárez lamenta a "falta de unidade"

Despois da ofrenda ante o monumento a Amador e Daniel levouse a cabo no barrio do Bertón a inauguración oficial da rúa -con descubrimento de placa conmemorativa- que Ferrol lle dedica a Xulio Aneiros, un home moi significado na loita polos dereitos e liberdades en Galicia desde a militancia sindical en Comisións Obreiras. “Aneiros foi, xunto con Paco Balón e Paco Filgueiras, o fundador das Comisións Obreiras na cidade e que foi un baluarte da loita antifranquista e precursor doutras xeracións na loita pola mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras desta comarca”, destacou na véspera o alcalde ferrolán, Jorge Suárez. “É un patrimonio da loita obreira que tivo lugar nesta cidade, pioneira en Galicia e en todo Estado, na recuperación de dereitos fronte ao poder”, dixo.

Suárez fixo ademais un chamamento a toda a cidadanía a participar activamente nas mobilizacións que terán lugar o xoves 10 pola tarde e lamentou, “un ano mais” a falta da unidade de acción da esquerda nunha única manifestación. “Agardo que nos vindeiros ano sexa posible a unidade do movemento sociopolítico da esquerda para a reivindicación unánime dos dereitos da clase traballadora”, concluíu.

 

Acto institucional de homenaxe a Amador Rey e Daniel Niebla © Concello de Ferrol
Jorge Suárez e Ignacio Fernández Toxo, secretario xeral de CC.OO. © Concello de Ferrol
Concentración da CIG na Coruña © CIG
Público asistente ao acto 'Mulleres no Marzo do 72: Nosoutras estamos aí' © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.