As renovables xeraron en 2015 o 37% da enerxía... a pesar de Rajoy

Paneis solares © Ecooo Revolución Solar

A política enerxética do Goberno de Mariano Rajoy, moi criticada dende o sector das renovables, comeza a pasarlles factura a estas fontes. A achega conxunta da enerxía eólica, solar e hidráulica foi en 2015 do 37,1% do total, unha cifra moi importante, pero case seis puntos inferior á de 2014 (42,8%) e cinco puntos por debaixo da de 2013 (42,3%). Interrúmpese polo tanto unha tendencia de crecemento, que fixera ascender o peso destas enerxías, que en 2011 era do 32,8%.

En 2015 a eólica perdeu máis dun punto, e a hidráulica máis de catro, gañando peso pola contra a enerxía xerada polo carbón (a máis contaminante), que en dous anos pasou de representar o 14,6% a ser xa o 20,3%. A coxeneración e os ciclos combinados tamén gañan unhas décimas.

Dende o sector das renovables lémbrase a "decidida aposta" que dende o Goberno de Mariano Rajoy se fixo do gas, o "incremento da presión impositiva sobre os produtores de enerxías renovables" e "o recorte dos ingresos que estos percibían por kilovatio hora xerado". "Todo isto traduciuse nunha crise sen precedentes do sector e na fuxida dos investidores, que deixaron de estar interesados en investir en instalacións renovables en España", engaden.

  2011 2012 2013 2014 2015
Nuclear 21 22,1 21,2 22 21,9
Carbón 15,5 19,4 14,6 16,4 20,3
Eólica 15,9 18,1 21,2 20,3 19
Hidráulica 11,5 7,6 14,2 15,5 11
Coxeneración 11,9 12,6 12,4 10,3 10,6
Ciclo combinado 18,8 14,1 9,5 8,5 10,1
Solar fotovoltaica 2,9 3 3,1 3,1 3,1
Solar térmica 0,8 1,3 1,8 2 2
Térmica renovable 1,7 1,8 2 1,9 2

Procedencia da enerxía xerada en España em %. Fonte: Red Eléctrica Española

 

Suba do 5,3% do prezo da luz

Por outra banda, o prezo da electricidade incrementouse nun 5,3% en 2015, segundo cálculos de FACUA. A factura mensual dun fogar medio pasaría dos 72,84 euros de 2014 aos 76,67 euros do ano pasado, un incremento de 3,83 euros ao mes, que supón 45,96 euros anuais. Nos catro anos de lexislatura, dende o 2011, o prezo incrementouse nun 16,2%, ao redor de 500 euros anuais para un fogar medio.

FACUA lembra tamén que boa parte deste aumento se debe ao feito de que as comercializadoras eléctricas -sobre todo as ligadas a grandes corporacións- aproveitaron a eliminación da Tarifa de Último Recurso, que liberalizou o mercado, para ampliar no último ano a súa marxe de beneficio nun 30%, segundo sinalara en novembro a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia nun informe sobre a supervisión do mercado.

 

Paneis solares © Ecooo Revolución Solar
Parque eólico © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.