As represalias de España contra Arxentina por YPF 'resucitan' o sector do biodiésel en Galicia

Planta de biodiésel en Ferrol © Infinita Renovables

A represalia tomada polo Goberno español contra Arxentina pola expropiación de YPF podería traer consecuencias positivas para o sector das renovables en Galicia. O Executivo decidiu limitar a compra de biodiésel do país austral e o ministro de Industria, José Manuel Soria, asinou unha orde pola que o sector levaba esperando dous anos. Máis concretamente, o Estado aumenta as cotas de produción de biodiésel das plantas españolas e recorta así a entrada desde outros países deste tipo de carburantes, que enchían o mercado español prexudicando ao sector, tamén en Galicia. Agora, as plantas do país asisten “esperanzadas” a este cambio, aínda que con “cautela”. “A priori é unha boa noticia que podería reactivar a nosa actividade, pero hai que agardar”, aseguran.

"Hai que agardar, pero é unha boa noticia que pode reactivar a nosa actividade", din desde o sector

O consumo de biodiésel no Estado, en constante aumento, foi de 1,6 millóns en 2011, pero a metade procede de Arxentina, segundo os datos que achega a Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores). En total, España importou case 720.000 toneladas do país latinoamericano, o que supuxo un importe de 750 millóns. A Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA) asegura que as “importacións desleais” coparon o 89% do mercado no último trimestre, incluídas tamén as que chegan de Indonesia. Segundo a patronal, os dous países “aplican un sistema de taxas diferenciais á exportación” que lles permite “gravar en menor medida o biodiésel que as materias primas empregadas para a súa fabricación”. En definitiva, resulta máis barato importar o combustible que a soia, a materia prima coa que se produce, algo que xa sufriran no sector coas vantaxes arancelarias do biodiésel dos EUA, pero que si foi arranxado polo Goberno anterior.

Foron precisamente as presións de Repsol as que atrasaron a limitación ás exportacións arxentinas de biodiésel

Segundo o sector, foron precisamente as presións de Repsol ao Goberno de Zapatero as que impediran aplicar unha orde ministerial que levaba preparada tempo, pero que chega agora e tras a expropiación por parte de Arxentina da filial YPF da petrolífera española. Por que? Pois porque Repsol está obrigada, polo protocolo de Kioto, a mesturar os seus carburantes con este tipo 'ecolóxico' de hidrocarburo, que mercaba no país latinoamericano a moito mellor prezo. “Non mercaba bio en España, mercábao fóra”, insisten fontes do sector en Galicia. A medida aplicada agora, co obxectivo de castigar a actitude do Goberno arxentino, acabará prexudicando tamén a quen se pretende protexer.

No entanto, o sector do biodiésel en Galicia si se pode ver beneficiado. A orde ministerial e o veto a Arxentina é a última esperanza para unha actividade que se paralizou case totalmente no país logo do impulso ás renovables que lle dera o Goberno bipartito. Das catro plantas existentes na actualidade na autonomía, todas funcionan a moito menor ritmo e vían o futuro negro e algunha incluso tivo que acudir ao ERE hai meses. A situación non é máis que o reflexo da que se dá a nivel estatal. A produción baixou un 46% en 2011 respecto ao ano anterior, mentres que a taxa media de actividade do sector sitúase no 14% con respecto á capacidade instalada, fronte ao 28% de 2010.

A produción das plantas de biodiésel de Galicia é agora escasa ou practicamente nula

José Manuel Aira, responsable de Biocarburantes de Galicia, en Begonte, cre que “aínda é cedo” para determinar o impacto da decisión do Goberno, pero entende que “a priori é unha boa noticia”. “Estaba entrando moitísimo biodiésel doutros países e cunhas condicións moi vantaxosas”, explica o responsable dunha planta que sobrevive á crise grazas a unha tecnoloxía que lle permite empregar o aceite usado.  “Todo parece indicar”, aclara, que o cambio lexislativo “acabará por beneficiar ao sector”, aínda que dubida que España “estea agora preparada para dispor de toda a materia prima que necesitaría” para reactivalo o necesario.

Pola súa banda, Alejandro Arias, da planta de Egal en Cerceda, recoñece atoparse “á expectativa” ante a limitación ás importacións arxentinas, pero asume que “a noticia é boa” para un sector que levaba anos paralizado e "sobrevivindo á crise como se podía". No seu caso, semellante ao do resto, a produción baixou até un 90% nos últimos anos e atópase actualmente a niveis menores a un 15% sobre a capacidade total. "Claro que é unha oportunidade a limitación a Arxentina; pensemos que importar biodiésel era moitísimo máis rendible que comprar as materias primas polas vantaxes arancelarias do país latinoamericano; para nós non era rendible producir", recoñece quen ve agora unha porta aberta á esperanza. 

"A limitación á importación Arxentina é unha oportunidade para as plantas de biodiésel galegas"

Porque en 2008 inauguráranse en Galicia as plantas de biodiésel de Entabán (Ferrol), Egal (Cerceda) e Biocarburantes (Begonte). Tan só uns meses despois, Infinita Renovables poñía en marcha a súa instalación, tamén no porto exterior de Ferrol, pero en 2011 someteu a un ERE ao seu plantel. No caso das dúas compañías da cidade departamental, a súa actividade é case nula, mentres que en Cerceda e en Begonte sobreviven como poden a expensas dunha orde ministerial que podería reactivar o sector. Hai esperanzas. Infinita, por exemplo, xa se encargou de cualificar de “moi positiva” a decisión do Goberno respecto a Arxentina e confía en que este cambio lexislativo lle permita alcanzar ás súas plantas “o papel que lles corresponden no mercado español de biodiésel”. O papel que pretendía ter Galicia e que intentará recuperar aproveitándose das liortas entre Arxentina e España.

Planta de biodiésel en Ferrol © Infinita Renovables
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.