As saídas da crise para a prensa avanzan lentamente

Haberá redaccións xornalísticas nunhas décadas? CC-BY UEM

Non fai falla repetir que o xornalismo está en crise. É unha frase que se repite decote, e que se plasma nos peches de cabeceiras, EREs e nos máis de sete mil xornalistas que dende 2008 perderon o seu emprego en España. É unha crise do sector, dentro da crise económica xeral que a retroalimenta, provocando principalmente un forte descenso de ingresos por publicidade. E é, no xornalismo escrito, unha crise de modelo, coa progresiva pero imparable caída de lectores das cabeceiras de papel, e a excesiva precariedade, polo de agora, das alternativas online.

Dende 2007 os ingresos publicitarios dos xornais impresos en España reducíronse á metade, e parece que a caída aínda non rematou. 2012 está sendo aínda peor que os anos anteriores e só no primeiro trimestre estes ingresos caeron un vinte por cento máis. Cabeceiras como El País, El Periódico, La Vanguardia perderon máis do 20% dos seus ingresos publicitarios, El Mundo ou La Voz de Galicia rozan esa cifra e as cabeceiras locais perden ao redor do 30%, pola súa maior dependencia da publicidade institucional.

Dende 2007 os ingresos publicitarios dos xornais impresos en España reducíronse á metade, e parece que a caída aínda non rematou

Tamén caen as vendas e os ingresos xerados por esta vía, ao redor dun 15% dende o comezo da crise, entre un 6 e un 10 por cento no que vai de ano. A circulación dificilmente remontará, pois os xornais impresos levan moitos anos sendo incapaces de captar novos lectores, a pesar das sucesivas promocións de dvds, libros e demais. A media de idade do lector habitual de prensa impresa non deixa de crecer, e parece inevitable a desaparición do actual. modelo de prensa impresa. O futuro, no papel, pasa pola especialización e o arrevistamento.

Os xornais dixitais teñen audiencias millonarias, pero até agora non se atopou a fórmula de que sexan rendibles

Queda Internet, culpado dunha parte desta crise, pero á vez esperanza da súa solución. O consumo de Internet é relativamente universal en España e hai xa un tempo que en España hai máis persoas que acceden habitualmente á rede que persoas que len habitualmente xornais impresos. Os xornais dixitais teñen audiencias millonarias, pero até agora non se atopou a fórmula de que sexan rendibles; os ingresos que xeran non deixan de ser testemuñais, comezando pola publicidade. 

Os ingresos por publicidade online crecen, pero moito máis lentamente do esperado. Nas grandes cabeceiras (El Mundo, El País, Marca) supoñen xa máis do 10% do total de ingresos, un millón de euros en cada caso, pero nas cabeceiras máis pequenas a situación é moito máis precaria, cuns prezos CPM á baixa e o mantemento da desconfianza dos anunciantes sobre o novo soporte; confianza xustificada á falta de datos fiables de audiencia ou da elaboración de perfís concretos sobre o tipo de lector de cada medios e o seu comportamento. Tendo en conta, ademais, que nos grandes medios unha boa parte dos lectores entra a través de buscadores ou agregadores, dende calquera lugar do planeta. Ademais, os datos de maio amosan mesmo un descenso nos ingresos por publicidade online, que nos xornais rexionais e locais é do dez por cento. Mentres os grandes diarios facturan ao redor dun euro por usuario único e ano, os medianos están entres 0,5 e 0,6 euros e os pequenos facturan a metade ou menos.

Na actualidade hai dous tipos de lectores de medios dixitais: os que chegan ao medio case por casualidade, a través de buscadores, e os que chegan a ti porque ti es ti

Na actualidade hai dous tipos de lectores de medios dixitais: os que chegan ao medio case por casualidade, a través de buscadores, e os que chegan a ti porque ti es ti. Os primeiros son maioría (representan ao redor do 75% das visitas), pero apenas pasan uns segundos na páxina e son moi pouco atractivos para os anunciantes. A meirande parte dos lectores fieis son lectores de medios impresos, aínda que comeza a haber un importantes grupo de nativos dixitais que valoran a información de calidade ofrecida polos medios online. Un dos principais retos presentes das grandes cabeceiras tradicionais é completar con éxito o transvase dos lectores e subscritores de medios impresos ás novas edicións dixitais.

 

The New York Times sinala o camiño

A esperanza para os xornais chámase pago, conseguir que se traslade á rede o hábito de pagar polo acceso á información

A esperanza para os xornais chámase pago, conseguir que se traslade á rede o hábito de pagar polo acceso á información. Os cidadáns norteamericanos declaran informarse máis polos xornais dixitais ca polos xornais impresos. Internet é cada vez menos un soporte de nicho xeracional, e hai xa anos que é igualmente masivo entre os maiores de corenta e cincuenta anos. Porén, a súa preeminencia entre as xeracións máis novas é moi salientable e constitúe un indicador dun crecemento de audiencia sostido nos vindeiros anos. Outro dato que convida ao optimismo é que xa se venderon ao redor de 150 millóns de iPads e tablets en todo o mundo e prevese que en 2014 haxa 400 millóns de tabletas.

The New York Times marca o camiño. En marzo do 2011 limitou o acceso gratuíto á súa edición dixital e puxo en marcha o chamado metered model, que permite ler de balde dez noticias cada mes (polo que non afecta aos lectores esporádicos), pero que a partir de aí solicita unha subscrición de algo máis de dez euros mensuais. A aposta do xornal foi moi arriscada: lanzouse en solitario, e de feito outras cabeceiras que seguiron apostando pola gratuidade, coma o Daily Mail, The Guardian ou o Huffington Post aumentaron a súa audiencia neste último ano.

The New York Times xa ten máis subscritores dixitais (ao redor de medio millón) que na súa edición impresa

Pero triunfou: xa ten máis subscritores dixitais (ao redor de medio millón) que subscritores da súa edición impresa. Ademais, The New York Times mantivo a súa audiencia online e é quen de cobrar máis pola publicidade na súa páxina, pois os anunciantes pagan máis polos subscritores de pago, que len o xornal con máis atención, fidelidade e tempo de consumo. Seguindo o ronsel do NYT ao redor de douscentos xornais locais e estatais estadounidenses puxeron en marcha o mesmo modelo nos meses seguintes. Os máis exitosos seguen sendo os medios especializados (The Wall Street Journal ten case 600 mil lectores online de pago, e o Financial Times roza os 300 mil). E non só nos Estados Unidos. Esta semana a Folha de Sao Paulo converteuse no primeiro dos grandes diarios brasileiros en implantar un sistema de pago dixital polos seus contidos. 

 

Unha transición difícil

O camiño aberto polo New York Times é a esperanza dos xornais de todo o planeta, pero iso non oculta as tremendas dificultades

O camiño aberto polo New York Times é a esperanza dos xornais de todo o planeta, pero iso non oculta as tremendas dificultades. Le Monde ten uns vinte subscritores de pago na súa edición dixital; en España Orbyt, a plataforma de El Mundo e Zeta, roza os 50 mil, e KioskoyMas, a plataforma de Prisa e Vocento achégase a esa cifra. Hai algunhas iniciativas que parecen ir polo bo camiño, coma a plataforma creada en Eslovaquia chamada Piano Media, que por 3 euros ao mes permite acceder a todos os xornais do país. Ou a plataforma creada polo Chicago Tribune, The Economist, Forbes e outras cabeceiras, que tamén permite acceder a todos os medios por un prezo único, unha especie de tarifa plana.

Porén, en todos os casos as cifras son moi pequenas, testemuñais. E mesmo os cálculos máis optimistas sitúan obxectivos moi modestos a curto e medio prazo: espérase, por exemplo, que en 2015 os xornais obteñan o 15% dos seus ingresos das subscricións dixitais. A transición, polo tanto, vai ser longa, e posiblemente nunca se recuperarán os empregos que se perderon. 

Queda tamén a alternativa das microachegas, das campañas de subscrición baseadas na identificación dunha comunidade de lectores

Queda tamén a alternativa das microachegas, das campañas de subscrición baseadas na identificación dunha comunidade de lectores á que se apela cunha proposta ideolóxica determinada, ou cunha ideoloxía profesional, cando menos. É o camiño que iniciou Praza hai uns meses e que sostén este xornal, moi semellante á iniciada por Vilaweb hai exactamente un ano con +Vilaweb, unha comunidade de 1800 lectores que paga entre 60 e 500 euros anuais a cambio dunha serie de beneficios simbólicos e de decisión editorial (os asinantes reúnense unha vez ao ano).

Para os medios é tempo de experimentar, para os profesionais son tempos duros

O problema de base é que a información se foi convertendo nun commodity, un produto sen valor engadido, digamos, intercambiable e que pode ser copiado, distribuído por calquera canle, reproducido, transformado e alterado, sen valor nin recoñecemento de autoría. En Internet prima aínda a cultura da gratuidade, que é moi difícil mudar, e hoxendía apenas o 3,3% dos consumidores paga por contidos dixitaisO escenario mediático na rede componse de portais, agregadores, medios que non pagan pero que a cambio ofrecen visibilidade, medios que se dedican a copiar e pegar o que outros publican... 

En calquera caso, os medios terán que mudar os modelos; os únicos que poderán cobrar polos seus contidos serán os medios especializados, os medios de nicho, aqueles que acheguen contidos orixinais. Sempre haberá xornais, pero se cadra haberá que comezar a preguntarse que tipo de xornalismo haberá e queremos que haxa, e se as empresas mediáticas que sobrevivan da crise ou nazan dela poderán dar traballo a todos os xornalistas que hoxe se dedican á profesión. Para os medios é tempo de experimentar, para os profesionais son tempos duros.

Haberá redaccións xornalísticas nunhas décadas? CC-BY UEM
CC-BY bachmont

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.