Así funciona a nova tarifa da luz por horas, en vigor dende o 1 de outubro

FACUA coida que as persoas consumidoras saen prexudicadas CC-BY-SA eldiario.es

Con ano e medio de atraso a respecto do inicialmente previsto, "no medio da confusión", segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), e tras o período de graza de tres meses outorgado polo Ministerio de Industria ás eléctricas para a súa implantación, este xoves entra en vigor o novo mecanismo de facturación horaria da luz polo que uns 10,2 millóns de consumidores domésticos e pemes do Estado empezarán a pagar a parte do recibo vinculada ao consumo polo prezo que marque o mercado cada hora.

Entra en vigor para todos os usuarios?

Non. A medida só se aplica de momento aos consumidores acollidos á tarifa regulada, o Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC), con até 10 quilowatts (kW) de potencia contratada e que teñan instalado un contador intelixente que, ademais, estea integrado no sistema a través da denominada telexestión. O prazo para despregar toda a rede de novos contadores expira a finais de 2018. Entre os usuarios aos que non se lles vai a aplicar por agora está o propio ministro de Industria, José Manuel Soria, que o pasado fin de semana recoñecía nunha entrevista en El Mundo que aínda non lle instalaron o novo contador.

Hai que pedir que che instalen o contador?

A instalación corre por conta das distribuidoras, que son as que deciden o despregamento dos aparellos e habilitan a telexestión. O seu aluguer é un 50% máis caro que o dos antigos: 0,98 céntimos (0,81+IVE), fronte aos 0,65 céntimos mensuais (0,54 céntimos+IVE) dos analóxicos.

Con atraso e "no medio da confusión", este 1 de outubro entra en vigor o novo sistema. Os datos sobre o prezo exacto da electridade só están dispoñibles ao redor das oito e cuarto de cada tarde na web de REE

Como funciona o novo sistema?

Os usuarios poderán saber con antelación en que horas é máis cara a luz e, mesmo, coñecer o prezo exacto da electricidade desde o día anterior a través da web de REE. No entanto, os datos só están dispoñibles ao redor das 20.15 horas do día previo.

Cales son as horas máis baratas?

As de menor consumo: pola noite (sobre todo entre a 1 e as 6 da mañá), as fins de semana (especialmente os sábados pola tarde e os domingos) e, en días laborables, a media mañá e entre as 14 e as 19 horas.

Paga a pena cambiar de hábitos?

Aínda que depende da casuística, a OCU advirte de que "non ten moito sentido" comprobar os prezos a diario, porque o termo fixo (a potencia, o que se paga aínda que non se prenda a luz) "é practicamente a metade do que pagas". E recomenda baixar a potencia se é posible, xa que " é unha das maiores ferramentas de aforro para o consumidor". Así, segundo un cálculo realizado para Europa Press pola empresa especializada en asesoramento Selectra, erguerse ás 4 da madrugada para pór a lavadora e aproveitar o menor prezo da luz pode aforrar... 1,8 céntimos de euro.

Rubén Sánchez, portavoz de Facua, considera un "insulto ao consumidor" suxerir que cambie os seus hábitos de consumo, como pór a lavalouza ou a lavadora ás 3 da mañá, ou "pór a calefacción cando non estás na casa", no caso de quen teña radiador eléctrico. O aforro, ademais, "é ínfimo, practicamente insignificante".

FACUA: "O primeiro dos consellos é que, se veñen comerciais a casa ou nos chaman para ofrecernos unha tarifa mellor no mercado libre, non o aceptemos, porque é mentira"

Sánchez, que di que o recibo "vai subir" con este nova sistema, lembra a época na que, en telefonía móbil, "tiñas que contratar plan mañá ou tarde" e "ao final botábanche a ti a culpa por non elixir a tarifa axeitada". "Están a tentar converter ao usuario en responsable cando o son as eléctricas e o Goberno".

E se cambio ao mercado libre?

Unha forma de non depender das idas e voltas de prezos por hora é abandonar o PVPC e contratar unha tarifa no mercado libre. As eléctricas xa ofrecen ofertas comerciais personalizadas, dirixidas á clientela cun contador intelixente telegestionado, en función do seu perfil de consumo. Pero as organizacións de consumidores recomendan cautela. A OCU advirte de que estas ofertas "adoitan ter trampa" e Facua é aínda máis contundente: "O primeiro dos consellos é que, se veñen comerciais a casa ou nos chaman para ofrecernos unha tarifa mellor no mercado libre, non o aceptemos, porque é mentira. Os prezos son máis caros", di o seu portavoz.

FACUA coida que as persoas consumidoras saen prexudicadas CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.