Así (non) lastran as autonomías a débeda pública

Fonte: Banco de España CC-BY-SA Praza Pública

Entre os múltiples lugares comúns creados arredor da crise económica no Estado un dos preferidos por determinados sectores é mirar con desconfianza ás comunidades autónomas. O imaxinario simbólico que mira cara ás autonomías como reinos de taifas caracterizados polo desbalde e o endebedamento incontrolado tenta xustificar, en boa medida, os recortes dirixidos cara ás administracións públicas que xestionan os principais servizos públicos, tales como a sanidade, a educación ou o benestar social. Entre apelacións técnicas a "unidade de mercado" ou sentimentais a saír "xuntos" das dificultades non foron poucas as ocasións nas que se ollou cara ás autonomías -especialmente cara á periferia- como responsables do endebedamento do conxunto das Administración. Os datos, non obstante, desmenten estas proclamas.

Atendendo os datos de débeda pública segundo o protocolo de déficit excesivo que publica o Banco de España, ao peche do segundo trimestre do ano -último dato dispoñible- o conxunto das administracións públicas acumulaba unha débeda de 942.625 millóns de euros, un récord histórico que supera o 92% do produto interior bruto do Estado español. Esta cantidade non é o resultado dunha suma ordinaria, senón da agregación do endebedamento das diferentes administracións e da aplicación de axustes contables que, non obstante, permite coñecer de onde vén o groso do lastre das finanzas públicas.

O groso da débeda vén da Administración central, que xa supera os 800.000 millóns

As táboas do Banco de España amosan que, con diferenza, o groso da débeda pública española vén da Administración central, que xa chegou aos 818.302 millóns de euros de endebedamento e que, segundo as previsións do Goberno central para 2014, seguirá a medrar no vindeiro exercicio. Esta cantidade é substancialmente maior que os 193.239 millóns que compoñen o endebedamento autonómico, ao cal contribúen especialmente comunidades como Catalunya (máis de 51.000 millóns), a Comunitat Valenciana (case 30.000), Madrid (por riba dos 22.000) ou Andalucía (máis de 21.000). Galicia, pola súa banda, sitúase nos 9.327 millóns de euros, un 94% máis que cando Feijóo chegou á Xunta.

Os concellos suman un endebedamento de 35.500 millóns, máis de 7.000 só de Madrid

O resto da débeda pública está nas corporacións locais, basicamente nos concellos, outros dos principais destinatarios das tesoiradas do gabinete de Mariano Rajoy, no seu caso a través da controvertida reforma local. Os datos vinculados ao protocolo de déficit excesivo din que os municipios tiñan ao final do segundo trimestre unha débeda de 35.585 millóns de euros. Destes, uns nada desprezables 7.389 millóns correspóndenlle ao Concello de Madrid, seguido a notable distancia por Barcelona, que queda nos 1.129. Málaga, Sevilla, Valencia e Zaragoza destacan tamén no rexistro de débeda, ao quedaren por riba dos 400 millóns. O resto da débeda local é das deputacións, consellos e cabildos insulares (7.211 millóns) e de Ceuta e Melilla (357 millóns). 

Fonte: Banco de España CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.