Así será o 'banco malo': a maior inmobiliaria do país

Vivendas en construción © Capeco

Durante os últimos anos os bancos entregáronlles aos promotores inmbiliarios ao redor de 304.000 millóns de euros en créditos que ao final non puideron devolver en moitos casos. Calcúlase que estes impagos suman 180.000 millóns de euros, que agora serán absorbidos polo banco malo. O FROB xestionará estes activos financeiros, procedentes de Bankia, CatalunyaCaixa, Novagalicia Banco, Banco de Valencia e outras entidades que recibiron ou recibirán cartos públicos para recapitalizarse. Cumprirase así unha das esixencias de Bruxelas para conceder o rescate bancario e as entidades limparán os seus balances.

Porén, o banco malo será tamén unha enorme inmobiliaria. A asunción deses activos tóxicos suporá ao mesmo tempo que a entidade terá a propiedade de ao redor de 200.000 vivendas novas sen vender, ao redor da cuarta parte dos inmobles baleiros de obra nova que hai en España. Nestes últimos meses os bancos nacionalizados están acelerando o proceso para a posta no mercado deste stock. Novagalicia Banco, por exemplo, vendeu no primeiro semestre do ano 1.426 inmobles por un valor de 169,6 millónes de euros, máis ou menos o mesmo que en todo o 2011.

Os prezos das vivendas baixarán, sobre todo naqueles lugares (a costa mediterránea, nomeadamente) nos que a burbulla inmobiliaria foi maior

Os prezos das vivendas baixarán, sobre todo naqueles lugares (a costa mediterránea, nomeadamente) nos que a burbulla inmobiliaria foi maior. Os xestores do banco malo, é dicir, o Estado, estarán obrigados a -a medio prazo- reducir a débeda xerada pola asunción deste buraco das entidades financeiras. É dicir, o banco malo terá que ir colocando eses pisos, a un prezo inferior. En Irlanda, por exemplo, a súa Axencia Nacional de Xestión de Activos pagou 32.000 millóns de euros por activos inmobiliarios que estaban taxados en 74.000 millóns, o que incrementou notablemente a débeda pública do país. Ao longo de 2011 traballou para ir dándolles saída, e de feito o pasado ano declarou uns beneficios netos de 247 millóns.

O ministro Luis de Guindos, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros detallou que o banco malo venderá os activos inmobiliarios nun prazo "de dez a quince anos".

O ministro Luis de Guindos, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros detallou que o banco malo venderá os activos inmobiliarios nun prazo "de dez a quince anos". O ministro asegurou que os activos traspasados serán sobre todo "créditos problemáticos ligados ao promotor, que son os máis tóxicos". Ademais, prometeu que a operación terá un custe reducído para o contribuínte, pois os prezos aboados serán o suficientemente baixos para que a sociedade xestora non perda cartos ao vender os inmobles. O Goberno vai tentar que a participación maioritaria na sociedade corresponda a investidores privados, para reducir deste xeito as achegas do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB).

Porén, parece difícil que consiga vender todas, polo que se cadra nalgún momento a entidade pensará nunha solución coma a que xa se comezou a aplicar en Irlanda: derrubar as vivendas e edificios con escasas espectativas de venda. E é que a demanda de vivenda nova en España descendeu un 37,8% interanual no último ano. 

Finalmente, hoxe denuncia ElDiario.es que "os que xa están gañando co nacemento do banco malo son as consultoras que o están deseñando e estruturando" pois o banco malo irlandés lles pagou 55,3 millóns de euros a varias delas (a KPMG 18,1 millóns, a PwC 13 millóns e a Ernst & Young 8,4 millóns). 

Vivendas en construción © Capeco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.