Aumentan os fogares que chegan con moita dificultade a fin de mes en Galicia

Traballando nun fogar galego © CCOO

Cada vez máis fogares galegos chega con moita dificultade a fin de mes. Se no segundo trimestre de 2016 era un 9,5% a porcentaxe de familias galegas que se atopaba nesta situación, neste terceiro aumenta en case tres puntos até situarse no 12,2%.

A porcentaxe de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes aumenta en case tres puntos  nun trimestre 

Son os datos que se entiran da Enquisa conxuntural de fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), que revela que neste terceiro trimestre de ano, o 43,43% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 44,35% con dificultade e o 12,21% restante con moita dificultade. Entre os que din chegar con dificultade e moita dificultade, a porcentaxe elévase ao 56,6%, un punto máis que no período anterior. 

Ao tempo, e tamén con respecto ao trimestre anterior, diminúe en 0,9 puntos a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, e 1,76 puntos a dos que chegan con dificultade. A porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade aumentou, concretamente, en 2,69 puntos. 

Máis do 56% das familias en Galicia chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes

Con respecto ao mesmo período pero de 2015, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes medrou 2,43 puntos e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade 3 puntos. Pola súa banda, a de fogares que chega con dificultade caeu 5,46 puntos. 

Ademais, o 22,7% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Dentro destes extras inclúense cousas como gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear ou ir ao cine. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitira deixar de traballar. Son case un de cada catro familias en Galicia as que non poden afrontar ningunha destas situacións. 

Por outra banda, o 12% dos fogares asegura ter cambiado os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos de oferta, mentres que o 11,4% diminuíu outros gastos comúns, como roupa, calzado ou transporte, agás na alimentación.

O indicador de confianza do consumidor continúa a baixar e ningún dos indicadores parciais sobre as perspectivas futuras mellorou

Alén disto, no terceiro trimestre de 2016, o indicador de confianza do consumidor (ICC) reflicte un valor de -17,93 puntos, 1,56 puntos por debaixo do referido ao trimestre anterior. O devandito indicador varía de -100 a 100, sendo o valor 0 o punto neutral, polo que os valores positivos amosan optimismo e valores negativos indican pesimismo por parte dos consumidores galegos

Neste último trimestre diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución, a situación financeira persoal diminuíu 0,29 puntos, o indicador de situación económica en Galicia baixou 0,35 puntos, o de capacidade futura de aforro 1,98 puntos e o de desemprego 3,64 puntos. Nada convida a pensar aos galegos que a situación económica vaia mellorar. 

Traballando nun fogar galego © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.