Baixa o paro en Galicia, pero menos do que crece o emprego

Evolución da afiliación á Seguridade Social en Galicia (2012-15) Dominio Público Praza Pública

Xuño foi un bo mes para o emprego en Galicia. Que é o mesmo que dicir que xuño foi un mes solleiro ou que os días foron longos en xuño. Nada que escape do habitual dun mes no que se realizan moitas contratacións de cara á tempada estival, sobre todo no sector servizos. Mesmo así os datos son obxectivamente bos, cun descenso de 7.919 persoas na cifra total de demandantes de emprego en Galicia, unha redución do 3,34% con respecto a maio e dun 9,21% con respecto a xuño de 2014, o que deixa un total de 229.062 inscritos e inscritas. No conxunto de España a evolución é semellante; unha caída de 94.727 persoas nas listas (329.397 nos últimos doce meses), ata un total de 4.120.304.

Porén, máis fiable que as cifras de inscritos e inscritas nas listas de búsqueda de emprego -dependente moitas veces das persoas que as abandonan non por ter atopado traballo, senón por ter marchado a outro lugar ou por, simplemente, ter desistido na procura- adoita ser a estatística de afiliados e afiliadas á Seguridade Social. O mes pasado creceu en Galicia en 6.592 persoas, menos do que descendeu a lista de demandantes. Esta foi unha tendencia habitual durante unha boa parte dos peores anos da crise e en xuño volveu repetirse. En Galicia hai 943.930 cotizantes, 25 mil máis que hai doce meses (918.604) e só sete mil máis que en outubro de 2012 (936.405), cando Alberto Núñez Feijoo revalidou a súa maioría absoluta. O número de afiliados e afiliados en Galicia segue estando por debaixo da que había en novembro de 2011, momento da vitoria de Mariano Rajoy nas eleccións xerais (970.975), e aínda a 84 mil persoas das que atopou o PP cando gañou as eleccións galegas en 2009.

En Galicia hai 943.930 cotizantes, só sete mil máis que en outubro de 2012 (936.405), cando Alberto Núñez Feijoo revalidou a súa maioría absoluta

Os datos son elocuentes. Dende xuño de 2009 o paro rexistrado aumentou en Galicia en 29 mil persoas, pero hai 85 mil traballadores e traballadoras menos. Nos últimos dous anos, aínda que o panorama laboral mellorou notablemente, cun descenso de 44 mil persoas nas listas de búsqueda de emprego, iso só se traduciu en 27 mil cotiantes máis. 

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
Parados/as 152.708 200.240 219.825 233.557 269.203 273.434 252.310 229.062
Afiliados/as 1.076.733 1.028.495 1.010.991 982.132 945.896 915.566 918.604 943.930

Número de persoas inscritas nas oficinas de emprego e de afiliadas á Seguridade Social no mes de xuño de cada ano

 

Sector servizos

A taxa de cobertura sitúase por debaixo do 50%, a peor cifra da historia

Polo demais, analizando polo miúdo os datos. Vemos que a boa evolución do emprego en xuño ten a súa base, principalmente, no sector servizos: dos 7.919 desempregados e desempregadas menos, 4.397 corresponden a estas ocupacións, aínda que os restantes sectores tamén rexistran unha caída no número de parados e paradas. En xuño asináronse en Galicia 85.271 contratos, 11.054 máis que no mesmo mes do ano anterior (unha mellora do 15%). Porén, só 5.802 foron indefinidos, un 7,4% máis que hai doce meses.

Un total de 113.834 persoas sen emprego recibían en maio algún tipo de prestación en Galicia, algo menos da metade dos parados e paradas rexistradas (o 49,7%). Trátase da peor cifra histórica da taxa de cobertura, por debaixo do 53,27% rexistrado en abril. Ademais, desas 113.834 persoas, tan só 44.031, menos da metade, perciben unha prestación contributiva, o resto son beneficiarios de subsidio, de RAI ou do Programa de activación para o emprego.

 

Valoración dos sindicatos

CC.OO. "lamenta" que este descenso do desemprego "se dea á custa da precariedade laboral, con contratos por días e unha elevada taxa de rotación

CC.OO. "valora positivamente o descenso do paro durante o mes de xuño". Porén, o sindicato "lamenta" que este descenso do desemprego "se dea á custa da precariedade laboral, con contratos por días e unha elevada taxa de rotación. Segundo os datos oficiais, un amplo sector da poboación "foi contratado por escasos días numerosas veces", de media doce por persoa. Esta tendencia xa a apuntaba o IGE o pasado mes de maio, segundo o cal o 35 % dos contratos rexistrados tiña unha duración inferior á semana e unha porcentaxe similar tiña duración indeterminada. Por esta razón, Maica Bouza coida que se está a crear un emprego "fráxil e sen dereitos" que, ademais, "ten data de caducidade, como xa alertamos cando se fixeron públicos os datos do paro rexistrado do mes de maio".

CIG: “Non se ve a recuperación económica que nos queren vender por ningún lado, e ademais vese que é falso que cando medra o PIB aumenta o emprego”

Para a CIG, os datos de desemprego non son "positivos" e o descenso "foi menor do que cabía esperar", tendo en conta que  nos dous últimos anos reduciuse en maior medida neste mes (4,2% en 2014 e 3,6% en 2013). O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, indica que estes datos, no seu conxunto, "amosan unha vez máis o fracaso das políticas que está a aplicar o Goberno español e a Xunta do PP". “Non se ve a recuperación económica que nos queren vender por ningún lado, e ademais vese que é falso que cando medra o PIB aumenta o emprego”, sostén. Ao mesmo tempo, denuncia que o único que non deixa de crecer é o emprego precario e en consecuencia o número de persoas en risco de exclusión social, “xa que cada vez son máis os parados/as que non teñen ningún ingreso”.

UGT: "Hai 123.147 desempregados sen ningún tipo de cobertura, co forte risco que supón isto de caer en situacións de exclusión social e pobreza"

Para UGT-Galicia, pola súa banda, "aínda quedan moitas sombras no mercado laboral galego que están a provocar dificultades para moitas familias e situacións realmente complexas". Dende o sindicato afírmase que "si é certo que saímos da recesión pero non da crise". "No eido laboral, aínda que melloran certos indicadores, o emprego estable e de calidade non se consolida", engaden. Destacan sobre todo os "baixos niveis de cobertura" e lembran que "hai 123.147 desempregados sen ningún tipo de cobertura, co forte risco que supón isto de caer en situacións de exclusión social e pobreza". Para UGT, estes datos "avalan a necesidade de poñer en marcha" a prestación de ingresos mínimos que o sindicato está a impulsar xunto con CCOO a través dunha ILP.

Evolución da afiliación á Seguridade Social en Galicia (2012-15) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.