'Benvido, mr. Pemex': os plans industriais que nunca chegaron a Galicia

Feijóo, nunha xuntanza no Brasil © Xunta

O pasado martes o presidente da Xunta en funcións iniciaba unha viaxe oficial ao Brasil, centrado esencialmente, segundo a información oficial, na busca de "novas oportunidades para o sector naval galego". Tras a primeira xuntanza do periplo, que sentou a Alberto Núñez Feijóo á mesa co gobernador do Río de Janeiro, Sérgio Cabral, o Goberno galego asegurou a través dun comunicado que o seu titular "avaliou" co político brasileiro "as posibilidades de que estaleiros galegos poidan participar no proceso de renovación da flota de Petrobras". Ante a compañía do Brasil "Galicia conta co aval de que a cuarta petroleira do mundo, Pemex, confiou nela para os seus proxectos de futuro", sinalaba a nota oficial.

A referencia da Xunta sobre esa xuntanza no Río -que, segundo a prensa brasileira, se celebrou "a porta pechada" e "non foron divulgados detalles do encontro- remite á que foi unha das grandes apostas de Feijóo nos tempos previos á pasada campaña electoral autonómica, os contratos de Pemex. A empresa mexicana apareceu por primeira vez na actualidade galega o pasado maio, cando nun acto solemne no Pazo de Raxoi o propio presidente asegurou que a multinacional decidira a construción de sete remolcadores en Galicia e a participación de empresas galegas na montaxe doutros sete. Pero a promesa dos remolcadores foi esvaendo e no seu lugar apareceron os xa célebres buques hoteis, investimentos anunciados como seguros para Barreras e Navantia poucos días antes do inicio da carreira electoral pero que Pemex mantén que non decidirá ata 2013.

O naval é, posiblemente, o sector máis afectado polas promesas de proxectos industrais que na actualidade teñen un futuro aínda por concretar ou que, simplemente, desapareceron sen deixar en Galicia ningún dos centos de postos de traballo comprometidos. Así e todo, non só os estaleiros observaron con esperanza plans de investimento apadriñados polo poder político autonómico que, ao pouco tempo, remataron por desaparecer. Este é o caso, por exemplo, da fábrica de coches eléctricos que en vésperas das eleccións municipais de 2011 chegou en forma de promesa para a provincia de Ourense.

Coches eléctricos en vésperas das municipais

A Xunta anunciou axudas de 11 millóns para apoiar a creación de 1.000 postos de traballo cunha fábrica de coches en Ourense

Foi, nomeadamente, o 23 de marzo de 2011 cando o conselleiro de Industra, Javier Guerra, compareceu ante os medios xunto ao daquela presidente da Deputación ourensá, José Luis Baltar, e varios executivos da compañía británica Xero para anunciar o "firme compromiso" de achegar "apoios públicos por case 11 millóns de euros" para que a factoría chegase á provincia, nomeadamente ao Concello de Melón, traendo consigo 26 millóns de euros en investimentos e 1.000 postos de traballo. Xero, afirmaba Guerra, ía "situar Galicia en primeira liña dun cambio de modelo industrial".

O tempo foi pasando e mesmo chegaron a recollerse currículos do persoal interesado en traballar na fábrica. Mentres, saían á luz detalles como que as parcelas que se lle ofreceran á empresa británica para instalarse tiñan ata 200 propietarios distintos e dende a propia Xunta arrefriábase o entusiasmo. Concretamente, a través de senllas respostas parlamentarias a PSdeG e BNG Industria alegaba que, "como é habitual nestes casos", a consellería se limitou "a facer públicas as previsións de axudas públicas" que o proxecto podería recibir. "Como é natural, un investimento de tan importantes dimensións precisa contar con socios capitalistas locais para poder ser abordado con maiores garantías de éxito", explicaba o Executivo, ao tempo que lle desexaba un "bo destino" ao plan industrial, que nunca chegou a realizarse.

As baterías de Mitsubishi

A planta de Mitsubishi ía ocupar 200.000 metros cadrados na plataforma loxística de Salvaterra

Aínda máis investimento, ata 500 millóns, era o previsto para o outro gran proxecto industrial anunciado nos últimos anos: a construción dunha planta de baterías de litio impulsada pola automobilística Mitsubishi en colaboración con outras empresas. Avalada publicamente tanto pola Xunta como polo Goberno de España -daquela aínda co PSOE á fronte- a fábrica estaba chamada a ocupar 200.000 metros cadrados da plataforma loxística Salvaterra-As Neves, superficie que chegou a ser solicitada formalmente pola empresa. Pero ano 2010 comezaron a xurdir dúbidas despois de que o Tribunal Supremo vise ilegalidades no proxecto sectorial deste parque empresarial, aínda que a Xunta ofreceu "garantías" de que non afectaría aos terreos nos que se instalaría a fábrica.

Xa a comezos de 2011 dende Xapón chegaban noticias aínda máis desalentadoras. O proxecto non estaba "descartado", pero si "en pausa", porque "xurdiran circunstancias" diversas no seo da empresa ante as que "só cabe esperar". Os investidores xaponeses, que se entrevistaran con Feijóo e mais con representantes de Citroën, entre outros axentes económicos das comarcas do sur, non volveron por Galicia dende 2010. E do proxecto, polo momento, non se sabe nada novo.

Feijóo, nunha xuntanza no Brasil © Xunta
Guerra, na presentación da fábrica de coches © Xunta
Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.