Bloquearán as contas os bancos a calquera que non presente o DNI?

Oficina do Banco Santander CC-BY-NC Remo-

Moitas oficinas bancarias de Galicia reciben nestes últimos días máis clientes dos habituais. O vindeiro xoves 30 remata o prazo que a banca ten para se adaptar á Lei de Prevención do Branqueo de Capitais e do Financiamento do Terrorismo e son moitos os cidadáns que acoden ás entidades para achegar unha copia dixitalizada -escaneada- do seu DNI ou documento de identificación. Acoden moitos que foron avisados polo seu banco de que tiñan que facilitarlles a documentación, pero tamén moita xente que, ante as advertencias xeralizadas ou na prensa, visitan tamén as súas oficinas. De non ter regularizados os datos, as contas serían bloqueadas a partir do 1 de maio. 

Adicae advirte que só terán que levar o DNI ao banco aqueles clientes que foran avisados pola entidade

Adicae-Galicia (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros) advirte, non obstante, que a achega do DNI  nestes días "non é obrigatoria" para todo o mundo e que só teñen que acudir "aqueles que foron advertidos polo seu banco de que tiñan que facilitar a súa documentación". Acontece así porque moitas entidades bancarias xa escanearon o DNI nos últimos meses pero non advertiron de que así se fixera. E son moitas as persoas que pensan que teñen que facilitar os datos requiridos malia non ser avisados. Segundo Adicae, non é así.

Malia todo, "a falta de previsión dos bancos e o feito de agardar ás últimas semanas para regularizar a situación ou avisar aos seus clientes" provoca agora que moitas oficinas sufran "atascos e aglomeracións" provocadas pola escaseza da información e as "présas innecesarias". Mesmo o intento por informarse dalgúns clientes na súa entidade bancaria recibe como única recomendación acudir a calquera oficina co seu DNI, sen comprobar antes se esa persoa ten actualizada xa a súa información. 

A "falta de previsión dos bancos" e a escaseza de información está a provocar "aglomeracións" nas oficinas nestes días

A nova normativa foi aprobada en 2010. "Os bancos tiveron cinco anos desde que se aprobou", lembra Adicae. Pero moito cumpriron desde xa o ano pasado e outros moitos agardaron ás últimas semanas. Agora vénlles o tren e moitos clientes temen que as súas contas sexan bloqueadas. A asociación de usuarios de banca insiste en que "non é necesario achegar os datos se non nolos solicitan" e recorda tamén que un hipotético bloqueo de contas soluciónase presentando na oficina os datos. De ocorrer isto sen previo aviso, recomenda "presentar unha reclamación" na propia oficina ou mesmo "ante o Banco de España".

A nova normativa foi aprobada hai cinco anos, pero moitos bancos esperaron ao final para recoller a documentación requirida

Porque malia que medios de comunicación e entidades de usuarios insistiron na finalización dos prazos, nin bancos nin administracións puxeron demasiado interese en avisar. E agora, a ameaza do bloqueo das contas provoca intranquilidade e temor entre os clientes. Adicae, ademais de criticar que se faga todo "a marchas forzadas", advirte tamén de que en moitas ocasións os bancos solicitan "máis información da que exixe a lei, que é moi ambigua". Nalgúns casos, as entidades bancarias piden xustificar a actividade económica do cliente e, no caso de empresarios, pode incluír tamén escrituras da constitución das compañías ou a súa distribución accionarial. 

Adicae aclara a Praza que "saber a actividade económica" supón unicamente iso: "dicir de que se traballa e nada máis". "Só poden ampliar as reclamacións no caso de que demostren que nese cliente hai máis risco de cometer alguha irregularidade". O obxectivo deste exceso na petición de información xorde en moitos casos, segundo a asociación de usuarios, da intención de aproveitar o caso para utilizar estes datos con fins comerciais. O problema é que a normativa "non define con clariade o risco ou non risco do branqueo de capitais" o que se aproveita para demandar máis información da precisa ou mesmo levar a cabo outras xestións en beneficio do banco. 

Oficina do Banco Santander CC-BY-NC Remo-

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.