Bonito: Guerra e paz en Burela

Boniteiro de Burela CC-BY-SA O Roxo

Hai dúas décadas, en 1994, as xentes de Burela protagonizaron a Guerra do bonito, unha batalla, vivida na localidade como unha epopea, contra o emprego de artes ilegais como a volanta. A loita rematou en vitoria e hoxe o bonito vive un momento doce, dado que a súa importancia económica medra ano tras ano. En 2014 descargáronse no porto galego máis de 2.200 toneladas do príncipe azul, cunha facturación de case que oito millóns de euros. En Burela amarran máis de trescentos barcos, converténdose no porto boniteiro máis importante do mundo. Hoxe o bonito soa a paz e a festa.

O pasado ano Adrián Canoura e Breixo Llano, ex alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, realizaron o documental Escamas, sangue sobre a loita que enfrontou en 1994 as frotas artesanais e as frotas industriais. Como sinala un dos mariñeiros entrevistados para o documental: "Burela naceu do mar e Burela é mar". Unha importancia que outro dos protagonistas do filme exemplifica afirmando que "Burela ten as súas rúas asfaltadas con escamas e sangue de bonito, e por iso todo o mundo era moi sensible con este tema, porque o bonito deulle moito pan a esta vila e axudou a formala". A importancia económica e social do bonito para Burela foi analizada por Ramón Mariño nesta estupenda reportaxe que publicamos en Praza hai un par de anos: "A difícil supervivencia da pesca do bonito".

A loita rematou en vitoria e hoxe o bonito vive un momento doce, dado que a súa importancia económica medra ano tras ano. En 2014 descargáronse no porto galego máis de duas mil duascentas toneladas do príncipe azul

A XXXI Feira do Bonito de Burela terá lugar o sábado 1 de agosto, organizada pola Sociedade Cultural Ledicia coa colaboración do Concello de Burela. Paralelamente, entre o 31 de xullo e o 2 de agosto celebrarase na nave de redes a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, que chega á súa décimo terceira edición, e na que se agardan máis de 70 expositores. Outras cifras tamén falan por si soas: Consumiranse 2.800 quilos de bonito asado, en empanada e cocido, a un prezo de 8 euros por ración. Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, presentou os dous eventos como unha maneira de impulsar un sector clave na economía burelense: “paralelamente celebramos os dous acontecementos, que son moi importantes para Burela, Produart coa Feira do Bonito e a Feira do Bonito con Produart. A Feira do Bonito representa perfectamente o que é o noso municipio. A pesca do bonito é algo tradicional que se fixo sempre, houbo costeiras extraordinarias dende hai moito tempo, o bonito é un peixe de referencia en Burela. Estamos dando produto a toda España, pescado da mellor maneira posible, artesanalmente, tal e como vimos facendo dende sempre, o que dá unha garantía, calidade e perfección no produto extraordinaria”.

Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo de o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas

O rexedor afirmou que “tratamos de promover, dar a coñecer e degustar o bonito a toda a xente que queira achegarse a Burela o 1 de agosto, coa intención de que saian contentos, de que coñezan as diferentes formas de preparar o príncipe azul. Nesta edición non soamente imos repartir bonito en bandexa a través da asociación Ledicia o día 1, senón que todos os restaurantes están de acordo en preparar diferentes receitas de bonito durante o venres, o sábado e incluso o domingo". "Isto é importante para a nosa economía, para dicirlle á xente que a nosa economía depende moito do produto que se está pescando, do bonito”, engadiu.

 

Produart 2015

Produart ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados, con preto de expositores

Con respecto a Produart, que ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados, o alcalde subliñou a calidade dos expositores, preto de 70, que se darán cita nesta décimo terceira edición: “trátase de expoñer produtos que sexan bos para a saúde, bos de producir, sostibles para o medio ambiente. Vai haber produtos ecolóxicos de diferentes fórmulas alimentarias, pero tamén haberá artesanía e produtos para empregar tanto na vivenda como en xardíns, todo considerado medioambientalmente sostible. É unha forma de dar a coñecer artigos que son respectuosos co medio ambiente e que encima aforran enerxía e abaratan o recibo da luz todos os meses”. En Produart haberá queixos, viños, doces, embutidos, comercio xusto, aceites, algas, conservas, cremas e xabóns, coiro, prata, cerámica, teares, roupa ecolóxica, etc… así como enerxías alternativas.

Barcos no porto de Burela durante o conflito con La Gabrielle CC-BY-NC-SA José Ramón García Ares
La Gabrielle, barco francés con redes ilegais atracado en Burela durante a guerra do bonito CC-BY-NC-SA José Ramón García Ares
Boniteiro de Burela CC-BY-SA O Roxo
Burela CC-BY-SA Dubas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.